Publicador de contidos

Publicador de contidos

A orbitopatía tiroidea, unha doenza rara que causa deformidade, dor e problemas de visión

A orbitopatía tiroidea, unha doenza rara que causa deformidade, dor e problemas de visión

Afecta maioritariamente a persoas con hipertiroidismo autoinmune e só o 5% dos casos chegan á consulta

A oftalmóloga Andrea García trata unha decena de pacientes na unidade de oculoplastia e órbita do HULA

Andrea García, oftalmóloga
G24.gal 01/06/2025 14:34

Falamos agora dunha enfermidade pouco coñecida que diminúe a calidade de vida dos que a padecen, a orbitopatía tiroidea. Os sintomas van desde a lacrimación ata visión dobre ou a cegueira. Non se pode previr porque é consecuencia dunha alteración na tiroide, pero si se pode tratar. Por iso, a oftalmóloga Andrea García, que trata unha decena de doentes no hospital de Lugo, destaca a importancia dun diagnóstico precoz.

 "Crese que está un pouco infraestimado porque os casos leves de lacrimación, de pouquiño edema quedan sen diagnosticar porque ao final é algo que nos pode pasar cun ollo seco leve, cunha conxuntivite alérxica...".

Andrea García está a cargo da unidade de oculoplastia e órbita do hospital de Lugo, onde se realiza o seguimento dunha decena de persoas con orbitopatía tiroidea. Esta enfermidade afecta maioritariamente a pacientes con hipertiroidismo autoinmune, entre un 25 e un 50 por cento, con maior prevalencia en mulleres.

Explica que á súa consulta só chegan os casos máis graves, entre un 5 ou 6 por cento do total, e xa cando están en fase aguda, con síntomas como unha inchazón extrema que non lles permite abrir os ollos ou os chamados ollos saltóns, úlceras, visión dobre e mesmo perda de visión.  Son casos que hai que tratar para evitar secuelas. Terán que acudir cada día ao hospital para recibir doses altas de corticoides por vía intravenosa.

 "Se os corticoides non van ben hai unha segunda fase de tratamento, un fármaco biolóxico, e hai outros en estudo que están dando resultados esperanzadores".


Con este tratamento, os afectados só irán ao hospital unha vez ao mes. A fase inflamatoria pode durar 18 meses, O obxectivo é acurtala para que non queden secuelas.

 "Toda esa inflamación despois convértese en cicatriz, en fibrose, e fai que os tecidos queden alterados, cos problemas que carrea no día a día dos nosos doentes. E aí sería cando entraría a cirurxía, na fase inactiva, un doente con inflamación nunca se pode operar".


Con todo, esta oftalmóloga lembra que a maioría dos afectados pola orbitopatía tiroidea chegan á consulta derivados de endocrinoloxía, pero aínda así insiste en que a mellor prevención é coñecer o máis posible esta enfermidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade