Rescatan un carneiro que caeu nun pozo a 6 metros de profundidade en Boiro
O carneiro subira enriba da tampa de madeira do pozo que rompeu e precipitouse ao interior
Os bombeiros tiveron que utilizar técnicas de rescate en altura para liberalo san e salvo
Como consecuencia da caída o animal perdeu un corno e ten unha pata inchada
Rodolfo recupérase xunto ás súas compañeiras de corte da difícil experiencia que viviu o martes á tarde. Segundo a súa propietaria, o carneiro, que ten 7 meses, está en celo e anda máis axitado estes días.
O martes saltou dun chimpo enriba da tampa de madeira dun vello pozo de pedra. A madeira estaba deteriorada, cedeu e o carneiro caeu dentro do pozo a 6 metros de profundidade. Alertaron a Protección Civil, pero, como carecían de medios para este tipo de intervención, pediron axuda dos bombeiros de Boiro. Un rescate que lles levou ao redor dunha hora pola súa complexidade.
O pozo ten 6 metros de profundidade e pouco mais de 1 de ancho. Tiveron que empregar técnicas de rescates en altura con trípode, cordas etc. Un dos bombeiros baixou para amarrar o animal con cinchas e logo poder izalo.
Rodolfo estivo tranquilo en todo momento e deixouse auxiliar sen opoñer resistencia, a pesar do dano que sufriu na caída. Perdeu un corno e ten unha pata inchada.