Os animais decántanse pola vitoria de España na final do mundial de fútbol
A tartaruga Yellow, a xirafa Fali ou o golfiño Hidalgo prevén o triunfo da selección española
O hipopótamo tailandés Moo Deng e o xaguar brasileiro Poty quedan coa Arxentina
Con permiso de Iniesta, o mundial de 2010 deixou outro protagonista moi particular: era un polbo, chamábase Paul, e predixo dende o seu acuario en Alemaña que España gañaría a final fronte aos Países Baixos.
Dende entón, o seu talento para a adiviñación vén sendo imitado por colegas doutras especies. Algunhas delas, tamén acuáticas. Como a tartaruga Yellow, que a pesar do nome é malagueña. Vive nun acuario de Benalmádena. Pesa máis de cen quilos, ten uns trinta anos e, no que levamos de mundial, adiantou as vitorias de España fronte o Uruguai, Austria, Portugal, Bélxica, Francia e a Arxentina.
Tamén a xirafa murciana Fali acertou os últimos triunfos da selección española e para esta noite prevé outro. Igual que os lémures Julien, Maurice e Mort, que se chaman asi polas películas de Madagascar. Eles prognostican un resultado de 3-0, e convenceron aos seus veciños deste parque ornitolóxico de Almuñécar.
O golfiño mexicano Hidalgo tamén apoia a España, animado pola predisposición da súa coidadora. Pero o hipopótamo tailandés Moo Deng -algo así como ‘porco saltarico’, traducido ao galego- quedou coa Arxentina, tamén con algo de axuda. Comparte a súa previsión o xaguar brasileiro Poty.