Vacas e cabalos manteñen limpo o monte veciñal de Esteiro, en Muros
A comunidade de montes apostou polo gando en extensivo en 2006 e hoxe, con 75 cabezas, manteñen 200 hectáreas
O monte veciñal de Santa Mariña de Esteiro, en Muros, comezou a transformarse hai cousa de vinte anos, cando instalaron os aeroxeradores. Os comuneiros decidiron aproveitar que melloraran os accesos para meter gando no monte.
"O monte estaba completamente abandonado", lembra Rosario Piñeiro, comuneira. "Xusto ao poñer os eólicos, recuperouse un pouco esta zona e aproveitouse para meter os animais e ir recuperando o monte pouco a pouco, foi para prevención", di.
Eses axentes de prevención de incendios son hoxe 55 cachenas e cousa de vinte cabalos de pura raza galega. Todos levan un colar con localizador GPS, que permite traballar cun sistema de peches virtuais.
"Manter peches físicos é inviable no monte, é carísimo, e precisa moita man de obra e moito mantemento", explica a secretaria da comunidade de montes, Aurkene Velasco. "Cos peches virtuais podemos ir metendo o gando onde queremos que traballe, xestionar esas zonas, e meternos en áreas onde a maquinaria é inviable que entre", engade.
E presumen dos resultados: co que comen e o que pisan os animais, xa teñen limpas duascentas das 600 hectáreas que ten o monte. "A nosa comunidade de montes agora mesmo é un cortalumes -di Rosario Piñeiro-, somos un freo aos incendios grazas as rozas dos animais, co limpo que está o monte aquí".
Queren estender este modelo e, para coller forza, xuntáronse con outras comunidades que tamén teñen gando no monte e crearon a asociación Movegandex.
"Trátase de compartir coñecemento, todas estas dúbidas que temos, e animar outras comunidades de montes para que metan gando" explica Aurkene Velasco. Di que, grazas a tecnoloxías coma os xeolocalizadores que usan, manexar rabaños no monte "é moito máis doado que antes". Para ela, é a únca alternativa viable para manter o territorio. "Temos que pensar que as comunidades de montes xestionamos case o 33 % do territorio galego, é moito, e temos que apostar por meter gando, ir por aí", conclúe.
De momento teñen dez comunidades asociadas a Movegandex, que xuntan unhas 5.000 hectáreas de monte veciñal. De limpalas e mantelas encárganse, sobre todo e todo o ano, cousa de mil cabezas de gando.