Publicador de contidos

Publicador de contidos

Derrubadas as catro torres de refrixeración da central térmica das Pontes

Derrubadas as catro torres de refrixeración da central térmica das Pontes

As estruturas, de 99 metros e un peso total de  45.000 toneladas caeron de dúas en dúas cunha dilación duns 15 minutos

 Adeus a 54 anos de historia e de pasado industrial 

EFE
G24.gal 29/07/2026 21:34 Última actualización 30/07/2026 19:58

A central térmica das Pontes entrou en funcionamento en 1972 e axiña chegou a producir o 7 % da electricidade do estado. En outubro de 2023 as caldeiras apagáronse para sempre, iniciando un proceso de desmantelamento que ten previsto rematar en xullo de 2028. Tardou catro anos en construírse e apenas en cinco estará desmantelada.

Este xoves foi a quenda da voadura das súas catro icónicas torres de refrixeración, co que a cheminea do complexo de 356 metros quedará a partir de agora como única testemuña do pasado industrial das Pontes. A operación, que afectou a catro estruturas de 99 metros de altura e un peso total de 45.000 toneladas, desenvolveuse baixo un estrito dispositivo de seguridade e cunha gran afluencia de público que seguiu o derrube cunha mestura de aplausos e nostalxia.

A manobra técnica estivo marcada por un intervalo de tempo entre as explosións. Produciuse un atraso duns 15 minutos entre a voadura do primeiro par de torres e o segundo, aparentemente debido a un problema de comunicación. A primeira detonación, que afectou as torres situadas á esquerda da fábrica, levantou unha densa fumareda que foi mitigada por 12 canóns de auga instalados para reducir o impacto ambiental.

Con todo, a voadura atraeu centos de persoas, entre veciños, familias e extraballadores, que se situaron nos arredores con prismáticos, cámaras e cadeiras para despedir as catro torres que xa formaban parte da paisaxe da localidade.

 

A xornada, que terminou baixo unha lixeira chuvia, provocou importantes retencións de tráfico nas vías de saída debido á gran cantidade de vehículos estacionados para presenciar o histórico momento.

Dada a envergadura da voadura, despregouse un amplo dispositivo que contou coa participación da Garda Civil, Policía Local, Protección Civil e Bombeiros. Ademais, o equipo Pegaso da Garda Civil supervisou o control de drons na zona afectada. 

 A caída destas estruturas, é o primeiro gran fito no proceso de desmantelamento. O que vai quedar en pé é a cheminea. No seu momento, foi unha das estruturas máis altas de Europa e foi a protagonista dunha campaña cidadá para salvala. Cun investimento de 55 millóns de euros, as obras chegan este mes ao seu ecuador co obxectivo de reciclar o 90% das 400.000 toneladas de refugallos e cumprir o prazo estimado de 45 meses de traballo.

En xullo de 2028 a desaparición da central deixará 55 hectáreas de solo industrial. O antigo parque de carbón prepárase para acoller unha bioplanta de fibras recicladas de ENCE. As Pontes despide o seu pasado de carbón e cunha nova paisaxe, dálle a benvida á economía verde. 

España continúa despedíndose da queima de carbón, que rexistra achegas próximas ou exactas ao 0 no mix diario de Rede Eléctrica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade