Rescatados tres mozos galegos a máis de 2.300 metros de altura nos Picos de Europa
Non puideron continuar a ruta pola neve e a néboa e efectivos do GREIM localizáronos ilesos na Canal do Vidrio
Efectivos do Grupo de Rescate e Intervención en Montaña (GREIM) da Garda Civil de Cantabria rescataron este martes tres mozos a máis de 2.300 metros de altura nos Picos de Europa que non podían continuar a súa ruta pola neve e a néboa.
Os mozos, veciños da provincia da Coruña, dous deles de 24 anos e outro de 26, foron localizados ilesos polos axentes do GREIM na parte máis alta da Canal do Vidrio, no Macizo Central dos Picos de Europa.
A Garda Civil informou nun comunicado deste rescate efectuado este martes pola tarde e que os efectivos do GREIM realizaron baixo complicadas condicións meteorolóxicas.
Os tres homes galegos atopábanse realizando unha ruta a 2.319 metros de altura no Macizo Central dos Picos de Europa e non podían continuar nin descender polos seus propios medios, debido á densa néboa existente e á neve.
Nesa zona dos Picos de Europa foron localizados ilesos e foron evacuados polos axentes especializas en montaña ata o aparcadoiro do Teleférico de Fuente Dé, onde deixaran o seu vehículo.
Sobre as 13:20 horas deste martes a Garda Civil de Cantabria recibiu comunicación da existencia destes tres mozos nunha zona de alta montaña, que non podían continuar pola densa néboa que estaba entrado e a neve existente.
Efectivos do GREIM de Potes conseguiron contactar con eles e situalos na zona máis alta da canal do Vidrio. Segundo informaron os mozos aos axentes, pretendían realizar unha ruta desde Fuente Dé a Bulnes, ata que chegaron a un punto desde o que non podían continuar nin descender polos seus medios.
Os especialistas en rescate en montaña da Garda Civil comezaron a súa procura, realizándoa a pé, e tras un ascenso de máis de hora e media de duración desde Ávila, nalgúns tramos nevando e con densa néboa, localizaron os tres mozos, comprobando que se atopaban ilesos pero cansos.
Para o descenso, doutra hora e media de duración, en tramos máis complicados, os efectivos do GREIM tiveron que utilizar pasamáns de corda para favorecer a baixada dos rescatados con seguridade.