Nigrán acolle a segunda edición da feira "vintage", de antigüidades e coleccionismo
É unha proposta do concello de Nigrán da man da Asociación Cultual Ferro Vello
Esta fin de semana Panxón acolleu a segunda feira vintage, de antigüidades e de coleccionismo. A asociación cultural Ferro Vello organiza, como fai por toda Galicia, esta xuntanza cos mellores profesionais en máis de trinta postos de venda.
Os 1.200 metros cadrados do pavillón municipal de Panxón, en Nigrán, están cubertos de miles de obxectos. La jirafa azul é un posto vintage moi publicado e seguido en Instagram que vende luxo alcanzable ao tempo que lle dá unha nova vida a un obxecto do pasado.
"Temos moita clientela que xa tiñamos doutros anos, que nos segue por Instagram e veu. Case todas as nosas pezas teñen nome e apelido. Gústanos moito o deseño. Non temos choios, e tampouco temos prezos disparados. Nós vendemos luxo accesible", conta a TVG Yolanda Santorio, a dona de La jirafa Azul.
No posto de antigüidades de trinta metros de longo está un ourensán veterano nas feiras de antigüidades. José Manuel Rodríguez exhibe hoxe un reloxo de madeira suízo de 90 anos ou un morteiro de mármore de 200. Acaba de vender un fonendoscopio dos anos vinte. Sabe a historia da vida de cada antigüidade que vende.
"A min encántame saber de onde provén cada cousa. E eu por regra xeral pregunto. E compro nas casas ou como máximo a algún compañeiro. Eu teño que ver o obxecto, e tocalo... sen velo por moito que me digan que vale vinte euros e eu poida vendelo por 500... iso non vai comigo. Porque eu desfruto tocándoo", aclara José Manuel Rodríguez, un comprador e vendedor de antigüidades por toda Galicia e España.
Os coleccionistas non só xuntan selos, discos ou moedas. O coleccionismo pode ser infinito e un bo investimento.
"O coleccionista puro vén o primeiro día da feira e a primeira hora, porque vén buscar esa peza específica que sabe que si está vana comprar a primeira hora. Porque se vés o último día a última hora probablemente non estea. Ás veces hai que investir cartos. Non son gangas baratas", engade Celso Araújo, dono do posto de coleccionismo e antigüidades Atlanta Art Decó.
A II feira de antigüidades é unha proposta do Concello de Nigrán da man da Asociación Cultual Ferro Vello.