Mil catrocentas persoas festexan a Ruta dos Fornos de Cea
Percorren os fornos tradicionais nunha ruta con degustación en que o pan se combina con outros produtos con denominación de orixe, coma o queixo de Arzúa ou a tenreira galega
Este domingo é o día grande da Festa de Exaltación do Pan de Cea, que vai xa pola XXXII edición
É a undécima edición da Ruta dos Fornos de Cea e cada ano con máis participantes. Ringleiras de xente agardaban polo seu petisco no primeiro forno, dos sete que integran a ruta. Aquí serven tenreira galega, pementos de padrón e, por suposto, pan de Cea.
Carlos Rodríguez, presidente da IXP Pan de Cea: "É natural cen por cento. Todas as materias primas naturais e o resto todo, a man do artesán".
O percorrido está amenizado por gaitas e pandeiretas, transformando a experiencia gastronómica nunha auténtica festa.
"Normalmente vimos cos amigos ou coas irmás. Moi divertido". "Ir de forno en forno, tomando algo, uns petiscos e unha bebida", comentan dúas mozas.
Os fornos forman parte da identidade de Cea. Estes, antigos e comunais, xa non cocen, pero os novos conservan as condicións que lle deron sona a este pan: de pedra e quentados con leña. Unha fornada de pan de Cea leva, aínda hoxe, de seis horas e media a sete. Unha cocción lenta que potencia o sabor de cada peza.
O ano pasado despacharon 750 mil pezas, por toda España, e este ano levan xa un crecemento do 3 e medio por cento.