Cea exalta o seu pan con 1.600 pezas cocidas ao xeito tradicional
Unha fornada de pan de Cea tarda 7 horas en cocerse
É un pan con Indicación Xeográfica Protexida do que se venderon 800.000 unidades o ano pasado
En Cea hai 15 fornos que seguen facendo un pan de xeito artesán. Para a xornada da festa cocéronse 1.600 pezas.
"Unha fornada dura 6 ou 7 horas dependendo da calor que faga, se é verán ou inverno. Tratamos a masa como se fose un meniño pequeno. O proceso é o amasado, logo a fermentación e despois cando se pon no taboleiro, chamámoslle "durmir o neno", explica o panadeiro Carlos Rodríguez.
Despois dese proceso, as pezas cocen un par de horas en forno de leña e pedra. Segundo de que panadería sexan, levan unha marca que as distingue.
"É o mellor pan do mundo. Tamén dá moito traballo e hai que ter moita paciencia con el e pasamos moita calor no forno. Iso é o peor", di Isaura Fernández, terceira xeración de panadeiros.
Pódese dicir que Isaura naceu no forno que tiña a súa avoa e gustaríalle que esta tradición de facer bo pan non se perdese. E a xente nova tamén está por conservala.
"Sería unha pena perder esta tradición de tantos séculos e tantas familias. Miña bisavoa era panadeira, o mesmo que lle pasa á miña compañeira, queremos se se pode mellorar, e se non seguir coa tradición dos nosos antepasados", conta Nieves Calviño.
"Esta festa encántame, sempre quero vir traballar aquí e facer o posible para que se visibilice ao máximo o pan de Cea", di Sabela Rodríguez.
Pan sabedeiro para acompañar unha ración de polbo ou mollar nun bo aceite. Gusta a moitos.
"Para min, é do mellor que hai, pero a cada un gustaralle o do seu lugar".
"Somos de Asturias, de Pola de Siero, e xa hai dous ou tres anos que vimos".
"Lévoo porque é bo"
O pan de Cea ten Indicación Xeográfica Protexida e é o motor da zona. O ano pasado vendéronse 800.000 pezas.