Rescatados os tripulantes dun veleiro francés a 75 millas de Ribadeo
Malia a mobilización do Pesca 2, os dous adultos e os catro menores a bordo foron rescatados por outro pesqueiro

Os tripulantes dun veleiro de bandeira francesa foron rescatados a 75 millas de Ribadeo nun operativo que tivo lugar sobre as seis da mañá e no que se mobilizou o Pesca 2 da Sudirección Xeral de Gardacostas de Galicia, en coordinación con centro de Salvamento Marítimo de Xixón.
A operación, informa a Xunta, consistiu no rescate dos ocupantes dun veleiro que estaba afundido con seis persoas a bordo, dous adultos e catro menores.
Concretamente, os efectivos baixaron ata a embarcación para avaliar a situación, decidindo non evacuar os ocupantes xa que, por motivos de seguridade, era máis arriscado isto que esperar polo pesqueiro que se atopaba máis próximo á zona.
Con todo, ata que este chegou, o Pesca 2 mantívose próximo ao veleiro por seguridade, dando aos tripulantes as correspondentes indicacións para despregar a embarcación auxiliar pneumática.
O helicóptero de Gardacostas abandonou a zona unha vez que a situación estaba baixo control.