Arde o último piso dun edificio en ruínas en Ribadeo
As lapas ameazan o edificio lindeiro, que tamén está abandonado
O incendio comezou pasadas as 6 da tarde na zona antiga da vila
Incendio na zona antiga de Ribadeo. O lume comezou contra as seis da tarde. De momento descoñécense as causas polas que puido orixinarse o incendio no piso máis alto dun inmoble que está abandonado na zona coñecida como Ribanova. O edificio está situado na praza de San Roque.
Ata o lugar, unha vez alertada Emerxencias de Galicia, achegáronse os bombeiros de Barreiros, Protección Civil e a Garda Civil.
O perigo máis importante é que o lume se espalle aos edificios lindeiros, porque o edificio que está ardendo está construído con madeira boa parte do seu interior. O inmoble que está pegado tamén está abandonado e ten o mesmo tipo de construción.