Rescatado un home tras caer nunha zona de rochas en Oleiros
Foi evacuado en helicóptero a Alvedro e trasladado en ambulancia a un centro hospitalario
Os tripulantes do helicóptero Pesca 2 de Salvamento Marítimo foron os que rescataron a vítima tras ser inmobilizada polos bombeiros e a Policía Local de Oleiros.
"Non foi doado porque era unha zona de difícil acceso", comenta Juan Suárez, coordinador do servizo de emerxencias de Oleiros.
O home é un veciño da Coruña, de 61 anos, que estaba pescando nesta zona do Seixo Branco cando sufriu unha aparatosa caída por estes cantís de Canaval. Faltaban poucos minutos para as oito da tarde... e ata aquí se desprazaron os servizos de emerxencias de Oleiros para coordinar o rescate.
"Vimos unha persoa que estaba na zona baixa das rochas, pegado xa á beira do mar. Tivemos a sorte de que nese intre o helicóptero Pesca 2 estaba a realizar unhas prácticas pola zona e por iso o rescate foi máis rápido do habitual. El estaba consciente, pero queixábase de moita dor nas costas", engade Suárez.
Finalmente, foi trasladado en helicóptero ata o aeroporto de Alvedro, onde o agardaba unha ambulancia que o levou ao CHUAC con diversas fracturas.