O acusado de asasinar a Cristina Cabo afirma que chegou a sentir “medo pola miña vida”
O homicida confeso ratificou a súa versión inicial, na que aseguraba que matara a vítima en defensa propia
O xurado popular deberá agora decidir se José Uriel Valencia Silva é responsable dun homicidio ou dun asasinato
O acusado de asasinar a Cristina Cabo chegou á Audiencia Provincial de Lugo para prestar declaración. Ante o tribunal, José Uriel Valencia Silva ratificou a súa versión inicial, na que aseguraba que a matara en defensa propia.
Díxoo despois de que os forenses da Policía Científica testificasen que o coitelo, asestado polo homicida confeso ata 47 veces, só tiña o sangue da vítima.
"Tivemos declaracións moi transcendentes, coma as das psicólogas que din que este señor mesmo chegou a manipular os informes psicolóxicos para simular unha enfermidade mental, o que significa que estaba en plenas facultades no momento dos feitos, algo que se demostrou con todo o que fixo antes e despois", explica Fernanda López, avogada da acusación particular.
Tras a exposición das conclusións das partes, o acusado pediu perdón polo que fixo, tanto á contorna da vítima como a todas as mulleres.
"O tipo fai deporte, estuda, leva unha vida social estupenda, integradísimo... Está de vacacións, en Teixeiro, sen un minuto de arrepentimento, nin de pedir perdón, nin de aflixirse. Cero", subliña Ana Torrón, voceira da Plataforma Feminista de Lugo, da que a vítima era activista.
Rematada a vista oral, o xurado popular deberá agora decidir se o acusado é autor dun delito de homicidio ou se é responsable dun asasinato con aleivosía e asañamento e mais dun roubo con violencia. Do seu veredicto dependerá que cumpra unha condena de quince anos ou de trinta.