Publicador de contidos

Publicador de contidos

Anúlase o xuízo pola morte de Maradona tras a recusación dunha xuíza

Anúlase o xuízo pola morte de Maradona tras a recusación dunha xuíza

O tribunal ordena empezar de cero tras a recusación da xuíza Julieta Makintach pola gravación en segredo dunha miniserie sobre as audiencias, celebradas en Bos Aires

O fiscal Patricio Ferrari fala cos medios á súa chegada (Agustin Marcarian/Reuters) O fiscal Patricio Ferrari fala cos medios á súa chegada (Agustin Marcarian/Reuters)
G24.gal 29/05/2025 18:43

O xuízo contra sete traballadores da saúde pola morte de Diego Armando Maradona foi anulado polos dous xuíces restantes do tribunal tras a recusación da maxistrada Julieta Makintach pola súa participación nun documental sobre o proceso.

"Consideramos que os motivos que determinaron a recusación da doutora Makintach lévannos a declarar a nulidade deste xuízo oral", sinalou o xuíz Maximiliano Savarino.

Tras esta decisión, a Xustiza deberá sortear un novo tribunal, algo que podería tardar meses.

Savarino defendeu que tanto el como a xuíza Verónica Dei Tomasso cumpriron co seu deber pero que a actuación de Makintach violou o dereito das partes de ser oídas por un tribunal imparcial, "provocando un prexuízo ás partes acusadoras e as defensas".

O xuízo comezou o 11 de marzo e xa se celebraron un total de 21 audiencias, nas que máis de 40 testemuñas declararon, incluídas as fillas do exfutbolista, Dalma, Gianinna e Jana Maradona.

A nulidade do xuízo fora pedida pola Fiscalía e os avogados de case todas as querelas e defensas, tras o apartamento da xuíza Makintach.

A maxistrada foi formalmente recusada tras a exhibición de múltiples probas da súa participación nun documental sobre o xuízo, incluíndo o guión e o tráiler da miniserie.

No tráiler observáronse imaxes de Maradona mesturadas con planos da xuíza Makintach desfilando polos tribunais con música electrónica de fondo, mentres que o guión incluía escenas da maxistrada na súa casa, vestíndose e maquillándose para ir ao xulgado.

Diego Maradona morreu o 25 de novembro de 2020, aos 60 anos, durante unha internación domiciliaria na localidade de Tigre, nos arredores de Bos Aires.

Os acusados no xuízo declarado nulo eran a psiquiatra Agostiña Cosachov, o neurocirurxián Leopoldo Luque, o psicólogo Carlos Diaz, a doutora e coordinadora da empresa Swiss Medical Nancy Forlini, o enfermeiro Ricardo Almirón e o xefe de enfermeiros Mariano Perroni.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade