Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comeza o xuízo pola morte de Cristina Cabo e a Fiscalía pide 30 anos de cadea para o autor confeso

Comeza o xuízo pola morte de Cristina Cabo e a Fiscalía pide 30 anos de cadea para o autor confeso

A defensa quere rebaixar a petición da Fiscalía a 15 anos alegando alleamento mental por consumo de drogas e alcol 

O xuízo contra o autor confeso de matar a Cristina Cabo comeza este luns na Audiencia Provincial de Lugo. Será xulgado por un xurado popular.

G24.gal 25/05/2025 17:35 Última actualización 25/05/2025 23:31

Na Audiencia provincial de Lugo comeza este luns, 26 de maio, o xuízo contra o autor confeso de matar a Cristina Cabo Buján. Será xulgado por un xurado popular e a Fiscalía pedirá para J. O. V. S. treinta anos de prisión.

O xuízo vaise celebrar durante tres días, en xornadas de mañá e tarde. A vista vaise centrar en aclarar se o home, que confesou tras a súa detención, é culpable de asasinato ou de homicidio, o que implicaría unha condena moi diferente. Xunto á acusación fiscal estará tamén a particular, que defende a teoría do asasinato.

Os feitos remóntanse ao 1 de decembro de 2022, cando o acusado coñeceu a falecida, unha muller moi coñecida que rexentaba unha tenda de produtos ecolóxicos na rúa Mallorca, nun local nocturno do centro histórico e logo acompañouna á casa.

No escrito fiscal sostense que sobre as 8:00 da mañá, dúas horas despois de chegar ao domicilio, produciuse unha discusión entre eles durante a cal Cristina Cabo colleu un coitelo de cociña e pediulle que marchase. El non fixo caso da petición e asestoulle con esa mesma arma que lle arrebatou 47 puñaladas que provocaron "un desangramento lento e finalmente a morte con gran sufrimento".

Mentres ela se desangraba, o home abandonou a casa tras subtraerlle un computador e unha bicicleta.

O corpo de Cristina foi atopado ao día seguinte pola súa irmá, que acudiu ao domicilio preocupada porque non contestaba o teléfono. Tras iniciarse inmediatamente a investigación, foi a irmá de J. O. V. S. a que o delatou porque atopou entre as pertenzas do home, que vivía con ela, o computador. Unha vez detido, confesou o crime, pero achacou a agresión a un alleamento mental polo consumo de drogas e alcol.

Para o fiscal únense dous delitos: o de asasinato con aleivosía e asañamento, para o que pide 25 anos; e o de roubo con violencia e intimidación, que son cinco máis. Ademais, reclama a indemnización por danos morais á familia da falecida por valor de 230.000 euros.

A defensa do acusado solicita unha pena de 15 anos asegurando que non foi un crime premeditado e que o home sufría un trastorno mental causado polo consumo de estupefacientes e alcol, así como que actuou en lexítima defensa.

As amigas e a plataforma feminista de Lugo piden "respecto e delicadeza para non entorpecer o normal desenvolvemento do xuízo".

Ante a inminencia do xuízo, este venres pasado as amigas de Cristina Cabo e a Plataforma Feminista de Lugo fixeron as primeiras declaracións. 

Nestas declaracións falaban da necesidade de "non entorpecer o normal desenvolvemento do xuízo" e pediron "desde a máis profunda humildade, ao pobo lucense, respecto, delicadeza e bo facer para axudarnos a aplicar xustiza" para que Lugo sexa "novamente a cidade chea da boa xente na que Cris tanto confiaba". "Ela sempre estará connosco", manifestaron.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade