Publicador de contidos

Publicador de contidos

A irmá e o cuñado do acusado pola morte de Cristina Cabo afirman que foi o autor dos feitos

A irmá e o cuñado do acusado pola morte de Cristina Cabo afirman que foi o autor dos feitos

Abren a quenda de comparecencias nesta primeira xornada, xunto a varios amigos da vítima e a irmá

Berros de "asasino" para o acusado de matar a Cristina Cabo en Lugo con 47 coiteladas

A Fiscalía pide 25 anos por asasinato con aleivosía e asañamento e 5 por roubo con violencia

José Uriel Valencia, autor confeso da morte a puñaladas de Cristina Cabo Buján/Pedro Eliseo Agrelo Trigo/EFE
G24.gal 26/05/2025 18:38

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu o arranque do xuízo contra José Uriel Valencia, o mozo de orixe colombiana acusado de asasinar a Cristina Cabo en Lugo en 2022.

Unha primeira sesión na que a irmá e o cuñado do procesado, que foron os que denunciaron o home ante a policía, reafirmáronse na súa declaración como autor dos feitos.

Será un xurado popular o que terá que decidir se o home é culpable de asasinato ou de homicidio, xa que cando foi detido confesou os feitos.  

A Fiscalía atense aos feitos xa coñecidos, as 47 puñaladas que recibiu Cristina Cabo, das que só unha foi mortal, polo que tardou moito en morrer, desangrada. Defende a intencionalidade do acusado e o asañamento "por causar máis dor da necesaria".

Máis dura foi a intervención da avogada da acusación particular, que pide a mesma pena, e que o definiu como "un home violento, con intención de causar mal".

A formulación da defensa foi o de "un home que creceu baixo a violencia, adicto ao alcol e as drogas, que non saíu aquela noite para matar, senón que se viu sorprendido por unha ameaza, cando Cristina sacou un coitelo, e bloqueouse asustado".

A defensa recoñece os feitos, pero engádelle "matices á realidade" alegando defensa propia "porque foi Cristina quen sacou o coitelo" e porque foi un alleamento mental transitorio, "ao estar baixo os efectos do alcol e as drogas".

Esgrime tamén a atenuante de confesión, algo que a acusación rebate, xa que non confesou despois dos feitos, senón unha vez detido e descuberto.

Primeiras testemuñas

As primeiras testemuñas en declarar foron a irmá e o cuñado do acusado. Ambos recoñeceron que o home apareceu pasadas as 8:00 da mañá coa roupa ensanguentada, asegurando que se manchou cando atendeu un home maior que caeu.

A irmá descubriu que o computador que el aseguraba "que o collía nun mercado" tiña fotos de Cristina Cabo, que recoñeceu porque o caso fíxose moi mediático.

Foi o matrimonio o que acudiu á Policía para denunciar o asasinato e o debate centrouse nun traballo que lle saía en León ao acusado polos mesmos días para dilucidar se isto é certo ou realmente quería fuxir.

Pola tarde as declaracións iniciáronse coa amiga coa que estivo Cristina a noite dos feitos, antes de que coñecese o acusado. Foron xuntas ao teatro e logo esta marchou para a casa. Recibiu unha chamada ás 8:44 da mañá seguinte de Cristina, que non contestou porque estaba durmindo.

Tentou comunicarse con ela máis tarde, pero non recibiu contestación, polo que chamou a irmá da muller, que foi a que a atopou morta. 

Os feitos remóntanse a 2022

Os feitos remóntanse ao 1 de decembro de 2022, cando o acusado coñeceu a falecida nun local nocturno do centro histórico, e logo acompañouna a casa.

No escrito fiscal deféndese que sobre as 8:00 da mañá, dúas horas despois de chegar ao domicilio, "produciuse unha discusión entre eles durante a cal Cristina Cabo colleu un coitelo de cociña pedíndolle que se marchase".

O acusado "non fixo caso da petición e asestoulle con esa mesma arma 47 puñaladas que provocaron un desangramento lento e finalmente a morte".

Mentres ela se desangraba, o home abandonou a casa tras subtraerlle un computador e unha bicicleta.

Tras iniciarse a investigación, foi a irmá do acusado quen o delatou, porque atopou entre as pertenzas do home, que vivía con ela, o computador. Tras ser detido, confesou o crime, pero achacou a agresión a un alleamento mental polo consumo de drogas e alcol.

Para o fiscal únense dous delitos, o de asasinato con aleivosía e asañamento, para o que pide 25 anos, e o de roubo con violencia e intimidación, que son 5 máis. Ademais, reclama a indemnización por danos morais á familia da falecida por valor de 230.000 euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade