Publicador de contidos

Publicador de contidos

Enterrar os mortos, un medio de vida tamén para elas

Enterrar os mortos, un medio de vida tamén para elas

Unha veciña de San Sadurniño é unha das poucas sepultureiras que traballan en Galicia

Alicia Aneiros ocúpase de dez cemiterios no seu concello e mais en Narón, Moeche e Cerdido

O das Pontes é un dos cemiterios onde traballa Alicia de xeito ocasional
Félix Aragunde. Imaxe: Jorge Pereira. 27/05/2025 20:47 Última actualización 27/05/2025 21:02

Alicia Aneiros é unha rara avis dentro da súa profesión, que non é outra que a de sepultureira. Herdouna do seu pai, Lolo, un veciño de San Sadurniño que se xubilou hai oito anos. A súa filla ía para enfermeira, pero deixouno ao ver un nicho de negocio no oficio de enterrar finados.

"A miña parella á parte é compañeiro, e cando comezaba a ir co meu pai e mais con el, a xente maior faláballes máis a eles en vez de explicarmo a min. Unha vez eu díxenlles: 'Ola, son eu a enterradora'", conta a sepultureira. 

Hoxe Alicia leva os cemiterios dunha decena de parroquias da comarca de Ferrol. E, de forma ocasional, as funerarias tamén lle encargan enterros en camposantos do Eume, de Ortegal e mesmo da Terra Chá. Traballo, polo tanto, non lle falta.

"É un traballo complicado. Non é como pensa a xente, que pensa que son cinco minutos nos que abro unha tapa e xa está", sinala. 

Ademais de ser unha das poucas sepultureiras que hai no noso país, a Alicia non lle consta ningunha outra que, coma ela, sexa autónoma. O cal demostra que, tanto por conta allea como propia, enterrar os mortos pode ser un medio de vida para calquera.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade