Aprobada a licitación do plan para transformar a fachada marítima da Coruña
Este plan debe dar unha solución a como integrar na cidade a zona de servizo do porto interior, dende o dique de abrigo ata o peirao de Oza
Ábrese un prazo dun ano para presentar as propostas e os elixidos terán outros doce meses para deseñar o proxecto
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria da Coruña aprobou a licitación do Máster Plan do proxecto Coruña Marítima, que se abre a concurso internacional.
Este Máster Plan debe dar unha solución a como integrar na cidade a zona de servizo do porto interior, dende o dique de abrigo ata o peirao de Oza.
Comeza a conta atrás para que os mellores urbanistas, paisaxistas, arquitectos ou expertos en portos, tren e mobilidade do mundo presenten un plan para integrar os espazos portuarios interiores e ferroviarios da Coruña na cidade.
Os impulsores do proxecto Coruña Marítima (Estado, Xunta, Concello, Portos e ADIF) acaban de aprobar a licitación do plan por máis de tres millóns de euros.
Tras a celebración da sesión extraordinaria do Consello de Administración da Autoridade Portuaria en que se aprobou a licitación todas as administracións destacaron a colaboración institucional.
O secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano, destacou a lealdade institucional "por riba das cores políticas" e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, defendeu que é "un exemplo de política útil".
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou que o proxecto Coruña Marítima está chamado a construír un novo modelo de cidade, integrando usos urbanos, dinamización económica e mellora da calidade.
"Aquí hai ambición, visión e consenso institucional", dixo Rueda.
Agora ábrese un prazo dun ano para presentar as propostas e os elixidos terán outros doce meses para deseñar o proxecto.