Le Scouarnec, condenado a 20 anos de cadea por 299 agresións sexuais, a maioría a menores
A condena é a máxima posible por delitos de violación en Francia

O excirurxián Joël Le Scouarnec, considerado o maior pederasta de Francia, foi condenado este mércores a 20 anos de cárcere por agresións e abusos sexuais a 299 vítimas, a maioría menores de idade.
Le Scouarnec, de 74 anos, foi recoñecido culpable de practicamente todos os cargos polo Tribunal do Criminal de Vannes e sentenciado á pena máxima posible en Francia por delitos de violación.
Os xuíces impóñenlle o cumprimento mínimo de dous terzos da pena antes de que poida solicitar calquera beneficio penal e prohíbenlle calquera tipo de actividade cun menor durante o resto da súa vida.
Unha avogada das acusacións particulares, declarou tras a vista que, co sistema de computación de penas de Francia, o condenado podería saír libre "en seis anos", e que iso causa "estupor" ás vítimas.
Outra letrada considerou que aínda que se lle impuxo a pena máis forte posible "sabe a pouco" ante a gravidade dos delitos de Le Scouarnec e o impacto que tivo nas vidas das súas vítimas. Máis aínda porque o condenado podería solicitar a liberdade condicionada en seis anos debido á fusión desta pena con outra anterior que está a cumprir actualmente (a quince anos) que se lle impuxo en 2020.
"A sensación é que non nos escoitaron", declarou con ton moi serio á saída do tribunal una das vítimas, Amélie Lévéque, quen engadiu que a sentenza "é difícil de dixerir".
A presidenta do tribunal, Aude Buresi, argumentou que se lle aplica a pena máis severa por delitos sexuais pola gravidade dos delitos, polo seu "comportamento obsesivo", así como pola forma de actuar "depredadora" e porque se encarnizaba coas súas vítimas.
Buresi explicou que, a pesar da avanzada idade do reo, o cumprimento de dous terzos da pena considérase adecuado tendo en conta que non se pode saber que ocorrería se estivese en presenza de nenos.
O condenado escoitou o veredicto de pé, mirando á maxistrada, sen facer comentarios e sen reacción aparente, nunha sesión que apenas durou trece minutos para a lectura das conclusións do tribunal.