Condenado a máis de 8 anos de cárcere por violar unha moza que coñecera nun local de Ponteareas
O tribunal considera probado que a agrediu sexualmente en dúas ocasións e que a ameazou antes de deixala marchar

A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a 8 anos e 5 meses de cárcere un home acusado de violación e ameazas contra unha moza á que acababa de coñecer nun local de ocio de Ponteareas.
O tribunal considerou probado que, na noite do 4 ao 5 de maio de 2024, o procesado forzou a vítima a manter relacións sexuais en dúas ocasións na súa vivenda.
Segundo a sentenza, despois de pasar a noite no local, o acusado convidou a moza á súa casa.
Alí violouna, quitoulle o teléfono, prohibiulle saír e asegurou que tiña que “acabar o que empezara, polas boas ou polas malas”. Volveuna espir e agredila sexualmente.
O acusado obrigouna a ducharse antes de deixala ir e ameazouna con ir por ela se denunciaba os feitos. A vítima simulou ducharse, pero aproveitou para fuxir da casa e chamar a súa nai e unha amiga pedindo axuda.
Oito anos por violación e cinco meses por ameazas
O tribunal estimou como crible o testemuño da vítima e descartou o argumento da defensa de que as relacións foran consentidas. A sentenza destaca que a ausencia de lesións vaxinais non exclúe a agresión sexual, e que a moza presentaba hematomas no pescozo e nos pulsos, ademais de restos de ADN do acusado no seu corpo.
Por todo iso, o home foi condenado a 8 anos de cárcere por violación, con 6 anos adicionais de liberdade vixiada tras saír de prisión, e 13 anos de inhabilitación para traballos con menores.
Tamén terá prohibido achegarse ou comunicarse coa vítima durante 5 anos. Ademais, por un delito de ameazas impóñenselle 5 meses de prisión e a prohibición de achegarse á moza durante 2 anos e 5 meses.
Deberá indemnizala con 10.000 euros polos danos morais.