Activado o aviso amarelo en Galicia por unha onda de calor con temperaturas de ata 35 graos
Meteogalicia activa avisos amarelos por calor nas provincias de Ourense e Pontevedra
Sanidade recomenda hidratarse, evitar comidas copiosas e reducir a exposición ao sol nas horas centrais do día

Galicia espera desde este mércores, día 28 de maio, e ata o vindeiro sábado, día 31, unha importante subida das temperaturas.
A Consellería de Sanidade trasladou unha serie de recomendacións á poboación que se centran, fundamentalmente, na alimentación e na exposición ao sol.
E é que ata o vindeiro sábado, Galicia rexistrará temperaturas que poderán superar os 30 graos en zonas como Ourense, onde os termómetros poderán alcanzar os 36 graos.
Meteogalicia activou para o xoves e o venres o aviso amarelo por temperaturas máximas nas zonas do Miño en Ourense e Pontevedra, así como na comarca de Valdeorras.
A Consellería de Sanidade aconsella beber máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos.
Débese evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e bebidas moi azucradas. No que respecta á alimentación débese dar prioridade a comer verduras e froitas, evitando as comidas copiosas.
No interior dos edificios permanecerase, se é posible, en espazos ventilados ou acondicionados, utilizando as habitacións máis frescas da vivenda.
No exterior dos edificios débense evitar, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducir a actividade física, procurar buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores nin a ningún animal de compaña.
Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor, no mediodía e nas primeiras da tarde.
A exposición a temperaturas excesivas pode provocar problemas de saúde como mareo, cansazo, debilidade, fatiga e cambras musculares, síncope, deshidratación, insolación e golpe de calor.
Avisos por calor
As temperaturas irán en ascenso, sendo os días máis calorosos o xoves 29 e o venres 30, cando se poden superar facilmente os 30 grados en moitas comarcas e localmente mesmo os 35 grados en áreas de val da provincia de Ourense.
Esta situación comezaría a remitir nalgúns puntos o propio venres 30 pola tarde pola presenza dalgunhas tormentas. O sábado 31 as temperaturas seguirían sendo elevadas para a época do ano, pero cun descenso con respecto ás que se rexistrarían o xoves ou o venres.
E xa o domingo 1 de xuño remitiría definitivamente a situación coa chegada dunha masa de aire atlántico máis fresca e húmida, que substituiría ao aire cálido de días anteriores.