Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detido un vigués por estafar preto de catro mil euros no nome dunha compañía eléctrica

Detido un vigués por estafar preto de catro mil euros no nome dunha compañía eléctrica

Facíase pasar por empregado e ameazaba as vítimas con cortarlles a luz se non pagaban supostas facturas pendentes

G24.gal 16/07/2025 09:46

A Garda Civil detivo un home de 38 anos, veciño de Vigo, que se facía pasar por un empregado dunha compañía eléctrica para esixir o pago de facturas pendentes. En total, fíxose con 3.856,68 euros.

A actuación do instituto armado iniciouse tras dúas denuncias presentadas en Boiro (A Coruña) por dous veciños deste municipio.

Os demandantes relataron que recibían chamadas de individuos que se facían pasar por traballadores da súa compañía eléctrica e lles esixían o pagamento inmediato de supostas facturas pendentes para evitar o corte de luz nos seus negocios. Ante esta ameaza, procedían a realizar as transferencias bancarias.

Posteriormente, ao comprobaren coas súas entidades bancarias que os recibos xa estaban pagos, tentaban contactar co número desde o que recibiran as chamadas, pero ninguén respondía.

Durante a investigación, levada a cabo polo Equipo de Delitos Telemáticos da Garda Civil, rastrexáronse as transaccións económicas para identificar o beneficiario do engano.

As pescudas realizadas permitiron constatar que este home vigués de 38 anos recibira os importes na súa conta bancaria, polo que foi detido por un suposto delito de estafa. En total, fíxose con 3.856,68 euros. Pasou ao dispor do Xulgado de Garda de Ribeira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade