Publicador de contidos

Publicador de contidos

A acusación particular no xuízo polo crime de Cristina Cabo mantén que ela non colleu o coitelo

A acusación particular no xuízo polo crime de Cristina Cabo mantén que ela non colleu o coitelo

Na audiencia provincial celébrase a segunda xornada do xuízo centrada na declaración dos investigadores

A acusación tenta rebater a versión do acusado de que a vítima empuñou o coitelo e ameazouno e el reaccionou temendo pola súa integridade, quitándolle a arma e asestándolle 47 puñaladas

G24.gal 27/05/2025 14:41

José Uriel, acusado de matar a Cristina Cabo, chegou este martes á audiencia para a segunda xornada do xuízo que trata de esclarecer o crime.

Hoxe o ambiente no exterior estaba máis tranquilo. Os amigos e familiares da vítima xa agardaban na sala. Ante o tribunal pasaron os policías que levaron a investigación do caso.

Na sala proxectaron o vídeo da reconstrución do crime, e houbo un momento co visionado das imaxes do cadáver que houbo que desaloxar a sala ante a dureza das imaxes, tan só quedou dentro a irmá da vítima. Nesa reconstrución o acusado recoñece que "todo saíu de control cando ela comezou a berrar". E que foi a vítima a que colleu o coitelo.

"A acusación mantén que ela non colleu o coitelo en ningún momento", di Fernanda López, avogada da acusación particular.

Será a declaración dos forenses a que dea luz sobre este asunto. Hoxe a propia letrada do acusado recoñecía que José Uriel non presentaba ningún tipo de lesión. 

"A el detivérono varios días despois e non se constataron", di Pilar Baños, avogada do acusado.

Para a acusación, tampouco se sostén a teoría da defensa sobre o motivo que provocou a discusión previa ao crime.

"É imposible, por varios motivos, non vai coa forma de ser da vítima, tampouco lle sobraban os cartos para gastalos niso, e ela era moi sociable, riquiña, guapa, non necesitaba pagar por sexo", explica Fernanda López, avogada da acusación particular.

A defensa mantén que foi un homicidio doloso e que non houbo roubo con violencia. Tras cometer o crime, o autor confeso colleu o ordenador da vítima e a bici en que fuxiu do lugar.

"Entendemos que non atacou de forma sorpresiva a vítima, senón que foi a vítima a que iniciou a discusión e sacou a arma. Non pretendeu causarlle unha dor deliberada e inhumana á vítima, e non roubou con violencia so aproveitou a oportunidade para levar as cousas", di Pilar Baños, avogada do acusado.

Un dos axentes declarou que o acusado planeaba marchar de Lugo o mesmo día do seu arresto. Enfróntase a 30 anos de prisión por asasinato con aleivosía e asañamento. Cristina Cabo faleceu desangrada tras recibir 47 puñaladas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade