O xurado declara culpable de asasinato ao autor confeso da morte de Cristina Cabo
O fiscal pide para o acusado unha pena de trinta anos de cárcere polos delitos de asasinato con aleivosía e asañamento
O xurado encargado de xulgar a José Uriel Valencia pola morte de Cristina Cabo no seu domicilio de Lugo, o 27 de novembro de 2022, declarou culpable de asasinato ao autor confeso do crime.
O xurado considera probado que José Uriel Valencia apuñalou a Cristina Cabo en múltiples ocasións, ata chegar a causarlle 29 feridas, pero desestimou a versión do acusado, quen dixo na súa declaración que fora a vítima a que collera inicialmente o coitelo para ameazalo.
Tampouco considerou probado o xurado que o grao de intoxicación por parte do acusado polo consumo de alcol e drogas puidese alterar a súa capacidade para comprender o que estaba a facer e descartou que perdese o control dos seus actos por temor a perder a vida.
Considera acreditado que realmente houbo asañamento por parte do acusado, porque lle asestou múltiples puñaladas, a maioría innecesarias para provocarlle a morte, pero que ocasionaron un gran padecemento á vítima.
Por outra banda, consideran que o acusado aproveitou o estado da vítima para buscar no interior da vivenda, de onde levou o computador e a bicicleta de Cristina Cabo.
O fiscal pide para o acusado unha pena de trinta anos de cárcere polos delitos de asasinato con aleivosía e asañamento e roubo con violencia e intimidación.
A defensa, exercida pola letrada lucense Pilar Baños, pide que se lle aplique a mínima pena polos delitos que o xurado considerou probados.
“Son vinte anos e medio polo asasinato, e polo roubo dous anos ou tres anos e seis meses”, precisou a avogada.
“Non sei se vou recorrer. Teño que ver como se argumentaron os obxectos de veredicto e teño que falar con el, porque vai ser a súa decisión ao final”, explicou.
A avogada que exerceu a acusación particular, Fernanda López, recoñeceu que este veredicto provocou alegría na familia de Cristina Cabo dentro do desgusto.
"Queda todo en mans da maxistrada, que será a que impoñerá as penas”, precisou a avogada da familia. En todo caso, mostrouse optimista: “Xa sabemos que van ser unhas penas altas, que non van baixar de vinte anos”.
Por parte da acusación particular reclámase que José Uriel Valencia cumpra a pena íntegra no país e posteriormente sexa expulsado, aínda que, segundo dixo: “Esa é unha cuestión penal que non está nas nosas mans, polo menos de entrada”.