Detidas dúas mozas en Alcorcón que crearan unha "academia da Xihad" virtual
Adoutrinaban mulleres musulmás a través dunha plataforma virtual creada baixo o pretexto de ensinarlles relixión
Unha delas ingresou en prisión e a outra quedou en liberdade con medidas cautelares

A Policía Nacional detivo en Alcorcón (Madrid) dúas irmás de 19 e 21 anos por un delito de adoutrinamento terrorista pola creación dunha plataforma virtual que, baixo o pretexto de ensinar relixión a outras mulleres musulmás, funcionaba como se fose unha "academia da Xihad" con contidos radicais.
Os arrestos practicáronse o pasado luns no domicilio que ambas compartían no citado municipio madrileño por axentes da Comisaría Xeral de Información. Unha delas ingresou en prisión por orde da Audiencia Nacional, en tanto que a outra quedou en liberdade con diversas medidas cautelares.
Normalizaban comportamentos radicais e adoutrinaban mulleres musulmás
Os investigadores constataron que as dúas detidas, de nacionalidade española e sen antecedentes, crearan unha complexa estrutura de enxeñería social para adoutrinar a fieis musulmás en contidos vinculados co terrorismo xihadista.
Neles normalizaban comportamentos radicais, escribían comentarios sobre a súa intención de facer a Xihad, e mesmo una delas chegou a enxalzar a agresión violenta a seis mulleres no metro de Barcelona en febreiro.
A investigación comezou en 2024 cando os expertos na loita contra o terrorismo detectaron varios perfís de redes sociais cuxas administradoras elaboraban e difundían material radical e violento.
O modus operandi
As arrestadas accedían aos repositorios afíns á organización terrorista Daesh, onde consumían publicacións que facilitan o adoutrinamento e a capacitación de individuos a grupos terroristas, e publicábanas a través dos seus perfís nas redes sociais.
Con estes contidos crearon unha complexa estrutura de enxeñería social onde, baixo o pretexto de ensinar relixión, adoutrinaban a outros fieis musulmáns. Esta plataforma virtual, segundo os expertos na loita antixihadista, operaba de forma similar a unha academia da Xihad, e dirixíase principalmente ao adoutrinamento de mulleres.
Conscientes da súa actividade terrorista, as detidas tomaban estritas medidas de seguridade para evitar seren detectadas.
No rexistro no domicilio no que residían os axentes incautáronse de numeroso material electrónico e documentación que está a ser agora analizada polos especialistas.