Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen unha empresaria de Narón nun macrooperativo por supostos delitos aduaneiros e fiscais

Deteñen unha empresaria de Narón nun macrooperativo por supostos delitos aduaneiros e fiscais

A Garda Civil e a Policía Nacional rexistran o seu domicilio no barrio da Solaina nunha operación declarada baixo segredo

G24.gal 09/01/2026 16:20 Última actualización 09/01/2026 20:31

Axentes da Garda Civil e da Policía Nacional detiveron a primeira hora deste venres unha coñecida empresaria de Narón como presunta autora de delitos aduaneiros e fiscais.

O arresto produciuse no marco dun amplo dispositivo policial coordinado polo Servizo de Vixilancia Aduaneira e a Axencia Tributaria, cuxas actuacións foron declaradas secretas pola autoridade xudicial.

O operativo iniciouse a primeira hora da mañá no barrio da Solaina, concretamente nun inmoble situado nos números 23-25 da rúa Xaquín Bruquetas. Segundo testemuñas presenciais, a intervención contou cun forte dispositivo de seguridade composto por preto dunha decena de efectivos uniformados con cascos e escudos, que chegaron a portar un ariete para facilitar a entrada no domicilio.

Durante o transcurso da mañá, os axentes procederon ao rexistro tanto da vivenda da arrestada como do garaxe do edificio. Como resultado da inspección, incautáronse de caixas con documentación e diversas pertenzas da muller, que serán analizadas nas próximas horas para avanzar na instrución do caso.

A detida é unha empresaria vinculada historicamente ao sector servizos na comarca. Segundo confirmaron coñecidos da muller a Europa Press, no pasado xestionou varios negocios de hostalería e, na actualidade, atopábase á fronte dunha cafetería situada no barrio da Gándara, tamén no municipio naronés. Tamén estivo vinculada cunha empresa de limpeza.

Na investigación que culminou con este arresto participaron activamente técnicos da Axencia Tributaria, quen tamén se desprazaron ao lugar do operativo para colaborar coas forzas policiais no aseguramento de probas relacionadas coa suposta trama de delitos económicos.

Polo momento non transcenderon os cargos específicos nin a contía da suposta fraude, debido a que as dilixencias se atopan baixo segredo de sumario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar