A Xunta anuncia un fondo para captar novas rutas nos aeroportos galegos
A Administración autonómica convida concellos e deputacións a facer achegas, tamén económicas, coa idea de captar cando menos dúas novas ligazóns por terminal
A Xunta impulsará a creación dun fondo económico de promoción turística destinado a captar novas rutas nos tres aeroportos galegos, en colaboración con Aena, os concellos e as deputacións, ás que convidou a facer achegas económicas a este montante, que se repartirá por igual entre os tres aeródromos.
Así o anunciou o conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, tras a segunda reunión do Comité de Coordinación Aeroportuaria, que acolleu o Rosalía de Castro de Santiago e da que os participantes saíron satisfeitos polos avances alcanzados.
Tendo en conta un informe de viabilidade de rutas elaborado por Aena, a Xunta comprometeuse a crear un fondo de patrocinios turísticos destinado a captar novas rutas para os tres aeródromos. Repartiríase a partes iguais coa idea base de lograr, polo menos, dúas novas ligazóns por terminal, aínda que non se fixaron polo momento destinos ou límites.
Tampouco se coñece a cantidade que tería este fondo, dado que a Xunta convidou as deputacións e os concellos a facer propostas e achegar tamén diñeiro a el. Esta cuestión, dixo Calvo, abordarase nunha próxima reunión, que se fixará nunhas semanas.
O fondo, con todo, non irá destinado directamente a pagar a aeroliñas, se non a fomentar a súa implantación a través da promoción turística en destino de Galicia e das cidades galegas.
Unha "carreira de fondo"
Na mesma liña, o director de datos e mercado aeronáutico de Aena, Ignacio Biosca, sinalou que "non se trata tanto de definir unha cantidade necesaria" de diñeiro, se non de apoiar "casos de negocio" que traballou Aena como idóneos para Galicia, aínda que rexeitou desvelar os destinos concretos que se estarían buscando. "Isto non é un sprint, senón que é unha carreira de fondo, e se imos todos xuntos, seguro que conseguimos mellores resultados", dixo.
Con este fondo, dixo, "complementaríase" a rendibilidade ou interese dunha compañía aérea coas cantidades que cada institución poida achegar e, ademais, os incentivos de Aena, coa idea de que "cada un dos aeroportos sexa o máis atractivo posible".
O director de datos e mercado aeronáutico de Aena asegurou que hai conversacións con varias compañías e que "teñen interese en voar a Galicia". Confían, nas próximas semanas, poder exporlles un proxecto coa achega de cada institución e avanzar en novas ligazóns.
Aínda que non se fixan polo momento obxectivos concretos, Ignacio Biosca falou dalgúns rutas europeas con "un atractivo indubidable", como é o caso de Londres, Milán, Roma ou París, aínda que a orientación será "un traballo interno do grupo" en futuros encontros e polo momento descártase a especialización dos aeroportos.
Rutas rendibles
O obxectivo que se fixaron os participantes, profundou Diego Calvo, é "facer que, unha vez que se consegue un destino, eses voos sexan rendibles economicamente no tempo". "Non se trata de que veña única e exclusivamente porque alguén che están financiando unha parte do custo, senón que sexa rendible", apuntou Calvo. Para esta rendibilidade, engadiu, se aposta "por unha orientación á promoción".
Esa promoción, destacou, poderá facerse a través de Turismo de Galicia ou, "se se senten máis cómodos", cada concello "pode coordinar" os seus labores de promoción. "Damos facilidades e colaboramos para que todo o mundo senta a gusto e podamos sumar entre todos", resolveu.
Coordinación da Xunta
Ante os medios de comunicación tamén falou a concelleira de Turismo de Santiago, Miriam Louzao, que aplaudiu que a Xunta "por fin decidise dar un paso adiante e asumir que ten que colaborar coa captación de rúas aéreas".
"Nós levamos moito tempo demandando que este é un traballo que non teñen que facer os concellos que teñen aeroportos, senón que debe de facerse un traballo coordinado e que é a Xunta a que ten que coordinar esta cuestión", dixo Louzao, que instou, con todo, a esperar para ver "en que vai quedar" en anuncio realizado este martes.
Mentres tanto, o Concello de Santiago, engadiu Louzao, ten "reunións permanentemente coas compañías" para abrir novas rutas para a reapertura do Rosalía de Castro tras as obras na súa pista que o manterán pechado unhas semanas.