Publicador de contidos

Publicador de contidos

Case dous millóns de euros precisa Mazaricos para reparar as pistas agrícolas tras os temporais

Case dous millóns de euros precisa Mazaricos para reparar as pistas agrícolas tras os temporais

Calculan que teñen unha rede viaria de máis de 1.100 quilómetros, e que a metade revisten danos tras o inverno

O Concello pide axuda a outras administracións para financiar as reparacións, urxentes de cara á campaña de ensilado

Operarios municipais reparan os danos máis urxentes nas pistas de Mazaricos
G24.gal 17/03/2026 14:36

De fochanca en fochanca teñen que traballar gandeiros e maquinistas en Mazaricos. Son a pegada que deixaron as borrascas e temporais do inverno: multitude de danos nunha rede viaria vital para o sector agrario da zona.

Mazaricos é o concello máis leiteiro de Galicia: ten 250 explotacións e case 8.000 hectáreas de superficie agraria, conectada por cousa de 1.100 quilómetros de pistas. No estado en que están, os gandeiros perden tempo e cartos. 

"Hai pistas que teño que dar un rodeo de dous quilómetros para chegar á parcela", di Antonio Antelo. "O que levaban media hora, se cadra lévache tres cuartos ou máis, e queimar gasóleo, rodas e todo", quéixase o gandeiro. 

"E se non paras e vas a moita menos velocidade, a máquina rompe" engade Óscar Blanco, tamén gandeiro. "De pasar polas fochancas, a máquina, os cristais, a cabina e todo se resinte dos golpes".

Dende o concello calculan que arredor da metade das pistas precisan reparación. Piden axuda porque -din- é un gasto "inasumible" para as arcas municipais. 

"Encargamos un informe a unha empresa externa e fixo un balance de 1.800.000 euros" explica o Tenente do alcalde, Jorge Villar. "Xa normalmente gastamos sobre un millón, pero este ano falamos de case o dobre", di.

E van contra o reloxo para facer as reparacións, ás portas da campaña das forraxes de primavera. As explotacións contratan grandes máquinas de empresas de servizos para traballar, que pagan por horas. "Estás pagando por horas as máquinas e, entre que para un pouco e o que atrasa, son unhas cantas horas de máis que hai que pagar" explica Óscar. "Ao final da campaña son cartos, e os tempos xa non están para tirar os cartos", lamenta.

Dende o concello, brigadas municipais traballan para ter polo menos listo o máis urxente, e que as pistas poidan dar servizo cando arranque o ensilado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade