Afúndese parte da calzada que vai ao Club Fluvial de Lugo e obriga a reordenar o tráfico
Segundo unha primeira inspección municipal, non semella que a calzada vaia continuar cedendo, polo que se mantén aberto un carril para circular
Non é a primeira vez que se produce unha derruba deste tipo e apúntase ás filtracións de auga como posible causa
O Concello de Lugo pechou un dos carrís en Fermín Rivera, a rúa que conduce ao Club Fluvial, tras rexistrarse un derrubamento nun punto da estrada á altura do aparcadoiro da entidade deportiva.

Non houbo feridos e o Concello acordoou a zona. A primeira inspección municipal determinou que non semella que a calzada vaia continuar cedendo, polo que se manterá aberto un carril para circular.

No aparcadoiro do Club Fluvial de Lugo próximo á zona de piraguas continúan amoreadas pedras de grandes dimensións do muro de contención que se derrubou, ademais de restos do asfaltado da calzada e formigón da beirarrúa.
"Curiosamente, porque aínda non empezou a época estival, non había ningún vehículo, ningunha persoa estaba no aparcadoiro", explica o presidente do Club Fluvial, Tito Valledor.
"Que medo, se me chega coller!" explicaba unha muller de paseo pola zona ao ver o desprendemento, que afecta tamén á rúa Fermín Rivera, pola que se accede ao barrio de San Lázaro e pasa o Camiño Primitivo.
Unha rúa de moito tránsito que dende esta mañá é de sentido único. Obriga a quen vai en coche dar unha volta importante e para quen vai camiñando extremar a precaución porque o paso habilitada é moi estreito.
Están previstas actuacións de urxencia. O Concello asumirá a reforma da rúa, ademais da reforma integral que estaba prevista, e o Club Fluvial encargarse do muro. De maneira inminente e por prevención vaise apuntalar o tramo lindeiro, que non chegou caer.