Publicador de contidos

Publicador de contidos

Telefónica di que resolveu a incidencia que afectou o 112 de varias comunidades

Telefónica di que resolveu a incidencia que afectou o 112 de varias comunidades

A caída da rede fixa foi provocada por unha actualización na rede da compañía

112 Galicia canaliza as chamadas entrantes a través doutro operador como medida de continxencia

Algunhas comunidades autónomas habilitaron teléfonos alternativos para seguir xestionando as emerxencias mentres durase a incidencia

G24.gal 20/05/2025 09:14

Telefónica considera resolta a incidencia que desde primeira horas da mañá afectaba as liñas telefónicas do 112 en varias comunidades autónomas.

Segundo a compañía, as incidencias afectaron servizos puntuais nalgunhas empresas nas súas liñas fixas e confirmaron que traballaron dende o primeiro momento polo restablecemento da rede. Unha actualización iniciouse sobre as 4:00 horas e causou problemas na rede do 112 e nos centros sanitarios que empregaban este operador. 

A compañía asegura que se restableceu o servizo por completo. "Activamos o comité de xestión de incidencias, illamos os nodos afectados e desprazamos persoal de campo para resolver casos puntuais derivados desta incidencia, que xa está resolta", engadiron.

Situación en Galicia

O 112 Galicia e o 061 confirmaban esta mañá que continuaban prestando servizo con normalidade, aínda que avisaron dalgunha incidencia, polo que foi necesario realizar chamadas de volta a usuarios con dificultades para comunicarse co servizo de emerxencias. Na rede social X aseguraban que se debe seguir empregando o teléfono 112.

O Executivo galego sinalou que os problemas "alleos" ao servizo de emerxencias teñen orixe na actualización da fibra intelixente de Telefónica. 

"O 112 Galicia atópase en contacto permanente con Telefónica, que informa sobre a evolución desta incidencia. Neste momento, como medida de continxencia, o 112 Galicia ten enrutadas as chamadas entrantes a través doutro operador, podendo dar servizo a usuarios con practicamente normalidade", explicaron desde o Goberno galego.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñeceu a existencia de problemas na rede galega "derivados dunha incidencia técnica". Porén, asegura que os centros seguiron funcionando grazas aos sistemas de continxencia e a canalización de chamadas a través doutro operador. 

Confirmou tamén a recuperación da normalidade "na práctica totalidade" e trasladou a súa esperanza de que "non volva haber problemas".

Comunidades afectadas

No 112 de Estremadura, e tamén no de Aragón, informábase de que a avaría afectaba o servizo do teléfono de emerxencias en toda España.

Dende o 112 Estremadura informaban de que estaban a traballar desde primeira hora para que as incidencias non afectaran a cidadanía.

A Comunidade Valenciana habilitou o número 963 428 000 como teléfono alternativo ao servizo 112 de Emerxencias debido a incidencias na rede nacional de comunicacións. Sobre as 9:45 da mañá informaban de que o teléfono 112 volvía estar operativo e de que mantiñan a liña alternativa aberta.

Aragón, pola súa banda, activou tres números de móbil para emerxencias polas citadas incidencias na liña fixa, ante as dificultades para contactar co centro de emerxencias do 112. O Goberno aragonés habilitou as liñas móbiles 638 63 82 73, 683 13 46 45 e 660 70 58 97. Ás 9:14 h confirmaban que o teléfono 112 xa estaba operativo, porén, manteñen abertas as liñas alternativas "por se fose necesario".

O Goberno vasco intenta solucionar os problemas nas chamadas dentro da comunidade; mentres, pide á cidadanía que chame ao teléfono alternativo 900 112 088.

A Junta de Andalucía confirma que o 112 non recibiu as chamadas realizadas entre as 7:15 e as 8:40 horas. A partir deste momento aseguran que se reactivou o servizo nas dúas salas de atención de chamadas, aínda que continuaban rexistrando certas incidencias.

En Cataluña falan de afectacións mínimas pola operación dos sistemas de continxencia e desenvolven o traballo con normalidade. Tampouco se viron afectados os servizos do 112 en Castela e León e Baleares.

Segundo a páxina web de Downdetector, que informa de problemas no servizo das empresas, as incidencias comezaron pouco despois das 02:00 horas desta madrugada e afectaron especialmente ao servizo de Internet fixo, nun 72 %, á vez que outro 18 % de informes recibidos reflectían ausencia de sinal e un 10 % apagamento total.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade