Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rescatadas dúas persoas da auga, en dúas praias de Cangas, nun intervalo de media hora

Rescatadas dúas persoas da auga, en dúas praias de Cangas, nun intervalo de media hora

Unha muller foi restada cando estaba aboiando na praia do Hío. Foi trasladada en helicóptero ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

Un veleiro recolleu un home que estaba flotando inconsciente na praia de Barra. Tamén foi trasladado en helicóptero ao hospital Álvaro Cunqueiro

Segundo os primeiros indicios, non existe relación entre ambos os sucesos

G24.gal 07/06/2025 20:09

Dúas persoas tiveron que ser rescatadas da auga en dúas praias de Cangas, en Pontevedra, en situacións similares e nun intervalo de menos de trinta minutos, segundo informa Emerxencias de Galicia.

A primeira alerta chegou ás 17:40 horas. Un particular chamou a Emerxencias de Galicia 112 para informar de que acababan de atopar unha muller flotando na auga na praia de Nerga, na parroquia do Hío.

Os informantes sinalaron que lograran sacala á area e que, nese momento, estaban a practicarlle manobras de reanimación cardiopulmonar.

Ante a gravidade da situación, o 112 informou o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado para  trasladala ao hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo.

Tamén foron informados Salvamento Marítimo, Gardacostas de Galicia, Garda Civil, Policía Local e Protección Civil.

Tan só 25 minutos despois, ás 18:06 horas, os xestores do 112 recibiron un novo aviso, tamén en Cangas, nesta ocasión desde a praia de Barra.

A persoa que contactou co servizo relatou que, mentres navegaban nun veleiro, atoparon un home aboiando na auga.

A tripulación tentou subilo a bordo, sen éxito, e finalmente conseguiron recollelo cunha embarcación auxiliar para levalo a terra.

O home atopábase inconsciente e Emerxencias informou os mesmos equipos que no caso anterior.

O helicóptero Pesca-I encargouse de evacuar a vítima ao Cunqueiro.

As forzas da orde traballan agora para esclarecer as circunstancias de ambos os sucesos.

Segundo os primeiros indicios, non existe relación ningunha entre as dúas persoas nin entre os feitos ocorridos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar