Prisión para seis dos detidos na operación contra o narcotráfico no barrio Covadonga en Ourense
Pasaron a disposición xudicial oito dos detidos. Para seis deles, o xuíz decretou prisión provisional comunicada e sen fianza
Deteñen quince persoas na operación antidroga de Covadonga, en Ourense
.png)
O maxistrado do Xulgado de Instrución Número 1 de Ourense decretou en funcións de garda "o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza" de seis dos oito detidos que pasaron a disposición xudicial no marco da operación contra o narcotráfico desenvolta esta mesma semana no barrio ourensán de Covadonga.
Segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), seis persoas foron trasladadas a prisión mentres dúas quedaron en liberdade, tras pasar a disposición xudicial.
A operación desenvolvida esta semana en Ourense supuxo a mobilización de máis dun cento de axentes e ducias de furgóns, que estiveron apoiados polo helicóptero da Policía Nacional, no barrio de Covadonga.
Este golpe contra o tráfico de drogas realizouno a Policía nun clima de alta tensión veciñal no norte da cidade ante o aumento da inseguridade en diferentes barrios como A Ponte e o Vinte e un. A tensión era tanta que mesmo se chegaron a crear patrullas cidadás.
Os veciños denunciaron nas últimas semanas o aumento de furtos e roubos nesta zona e urxían medidas para poñer fin a esta situación.