O fiscal Stampa di que na reunión con Leire Díez lle dixeron que Sánchez ordeou 'limpar' tras o caso Begoña Gómez
O fiscal Stampa di que na reunión con Leire Díez lle dixeron que Sánchez ordeou 'limpar' tras o caso Begoña Gómez
O fiscal sostén que Leire Díez e Javier Pérez Dolset lle deron a entender que o presidente quería “reverter a situación, caia quen caia”
O Xulgado de Instrución 9 investiga Díez por tráfico de influencias e suborno e chamará como testemuñas a Stampa e Grinda

O fiscal Ignacio Stampa asegurou na denuncia presentada ante a Fiscalía da Comunidade de Madrid que, na reunión do 7 de maio con Leire Díez (exmilitante do PSOE) e o empresario Javier Pérez Dolset, lle deron a entender que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, “ordenou limpar, sen límite” despois de transcender a investigación á súa esposa, Begoña Gómez. Segundo o seu relato, tamén lle trasladaron que “hai que reverter a situación, caia quen caia”.
O documento, incorporado ao sumario que dirixe o Xulgado de Instrución número 9 de Madrid, recolle que, aínda que non lle propuxeron de forma directa unha actuación delituosa, repetiron preguntas —“insistentes e veladas”— sobre supostas irregularidades que puidesen afectar os fiscais anticorrupción Alejandro Luzón e José Grinda e ao maxistrado Manuel García Castellón.
Stampa remarca que a reunión “concluíu sen que obtivesen” ningunha información da súa banda.
As pescudas arrincan de denuncias de Hazte Oír tras difundirse audios nos que se escoita a Leire Díez ofrecer favores a cambio de información comprometedora contra membros da UCO da Garda Civil e da Fiscalía.
O xuíz Arturo Zamarriego acumula agora as denuncias de Stampa e Grinda no procedemento no que investiga Díez por presuntos delitos de tráfico de influencias e suborno, e o xulgado citouna a declarar como investigada o 11 de novembro.
O 3 de xuño, Stampa informou á Fiscalía Superior de Madrid da devandita reunión.
Tras recibir a denuncia, o Ministerio Público pediu investigar en Madrid un presunto intento de suborno a dous fiscais (Stampa e Grinda) e solicitou a gravación das conversas con Díez e Pérez Dolset.
O xuíz Zamarriego asumiu a causa, acumulou as dilixencias que xa tramitaba e citou como testemuñas a Grinda e Stampa para o 5 de novembro.