A Xunta ve a Galicia "á vangarda" da construción de vivenda pública
Alfonso Rueda incidiu en que a postura avanzada da comunidade é grazas ao uso das técnicas industrializadas
O presidente da Xunta de Galicia afirmou este martes en Vigo que a comunidade autónoma está "á vangarda" da construción vivenda pública con técnicas industrializadas como as que se están aplicando no barrio vigués de Navia. Alí participou o dirixente galego no acto de inicio de obra dun edificio de 37 vivendas protexidas e un investimento de 8,3 millóns de euros.
Rueda incidiu en que o uso das técnicas industrializadas permite reducir tempos de execución, evitar atrasos, mellorar o uso de materiais como a madeira galega e facer fronte á escaseza de man de obra cualificada.
"O que agora é unha novidade que empeza en Galicia, con outras comunidades preguntando e fixándose no exemplo que estamos a dar, deica pouco tempo será xa unha realidade xeneralizada", prognosticou o presidente galego.
En Navia, a Xunta prevé a construción de 1.600 novos fogares, dos que preto dun milleiro xa están en marcha. Ademais, está planificado urbanizar solo para outras 3.700 vivendas no parque Ofimático e Ramón Nieto.
O investimento comprometido pola Administración autonómica en Vigo é de 248 millóns de euros, dos cales 134 xa están en execución, segundo a Xunta.