PPdeG e BNG celebran o "desbloqueo" da tramitación da transferencia da AP-9
A tramitación continúa despois de que o Congreso fixou para este mércores a data tope de presentación de enmendas
Populares e nacionalistas avanzan que non van presentar enmendas para axilizar a tramitación

O PPdeG e o BNG aplaudiron este martes que o Congreso dos Deputados procedese ao “desbloqueo” da tramitación da transferencia da AP-9 ao poñer fin ao proceso de emendas.
Segundo explican en senllos comunicados, a data tope para a presentación das emendas parciais conclúe este mércores ás 18:00 horas e tanto populares como nacionalistas avanzaron a súa intención de non presentar emendas ao texto para axilizar a tramitación.
Desde o PPdeG, o deputado Celso Delegado dixo que este desbloqueo prodúcese tras a "enorme presión" e a "insistencia ata a saciedade" dos galegos que padeceron “anos de bloqueo desde que comezou a tramitación desta proposta en decembro de 2019”.
Ademais, o popular asegurou que as reiteradas prorrogas que atrasaron esta tramitación obedecen a “un boicot orquestrado polo Goberno de Pedro Sánchez e Óscar Puente, coa colaboración do PSOE e Sumar e a condescendencia do BNG”.
Por parte do BNG, Néstor Rego considerou que este avance na tramitación “é resultado directo do traballo e a negociación constante da organización nacionalista, que leva anos esixindo que a xestión e propiedade da AP-9 se exerza desde Galicia”.
“O desbloqueo desta lei é unha boa noticia para o país, froito da insistencia e o compromiso do BNG coa defensa dos intereses galegos”, sinalou Rego.
O deputado nacionalista relaciona esta decisión cun acordo entre o Goberno e o BNG no marco da Lei de Mobilidade, onde se incluíu un mecanismo para facilitar o traslado de infraestruturas. Rego indica que este punto “demostra que cando o BNG ten capacidade en Madrid para defender os intereses dos galegos, Galicia avanza".
Así mesmo, o Bloque insta o resto das forzas políticas a non presentar emendas ao texto aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia para evitar máis atrasos na tramitación e garantir que a transferencia se aprobe canto antes.