A policía de Valdoviño rescata un bañista en apuros na Frouxeira
O rescatado, un holandés de 67 anos, quería chegar nadando á Percebelleira
Quedou sen forzas para regresar polas fortes correntes da zona
Pasaban as seis da tarde cando un particular deu a voz de alarma no 112. Un bañista quedara atrapado na corrente na praia da Frouxeira, en Valdoviño.
O rescatado, un holandés de 67 anos, lanzouse a nadar cara ao rochedo da Percebelleira. Semella preto da area, pero é un zona moi perigosa, na que normalmente se desaconsella o baño.
Malia que o rescatado lograra achegarse bastante, quedou sen forzas preto da area e foi a Policía Local quen o sacou da auga. Estaba exhausto, de feito unha ambulancia trasladouno despois ata o hospital Arquitecto Marcide.
Sucesos coma este recordan a importancia de extremar as precaucións co baño neste tipo de areais, sobre todo neste mes no que aínda non hai socorristas en moitos concellos. Aquí en Valdoviño comezarán coa campaña o 1 de xullo.