Rescatadas dúas persoas e un can atrapados pola marea en Ortigueira
A parella explicoulle ao 112 que estaban atrapados fronte a Pena Furada e confirmaron que non podía regresar polos seus propios medios
As vítimas da marea mantivéronse en todo momento en contacto cos servizos de emerxencia e seguían as instrucións mentres agardaban ser rescatados
Unha vez rescatados, a embarcación levounos ao porto de Cariño
.jpg)
Dúas persoas tiveron que ser rescatadas tras quedar illadas pola suba da marea fronte a Pena Furada, no municipio coruñés de Ortigueira.
O suceso produciuse sobre as 16:00 horas deste sábado e foi a Garda Civil a que alertou de que había dúas persoas atrapadas nunhas rochas. A central de Emerxencias de Galicia puido contactar cos implicados que explicaron que se atopaban fronte a Pena Furada e confirmaron que non podía regresar polos seus propios medios.
Emerxencia alertou a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, que mobilizou a embarcación auxiliar Mar de Galicia, e ao GES de Ortigueira.
Durante o proceso de rescate, as vítimas da marea mantivéronse en contacto en todo momento co 112, seguindo as instrucións que lles daban para facilitar as manobras.
Segundo emerxencias de Galicia, o rescate non foi doado. Primeiro tiveron que achegarse a buscar a muller nunha embarcación máis pequena e embarcala no Mar de Galicia e despois facer a mesma manobra co home e o can.
As dúas persoas e mais o can foron rescatadas en bo estado e trasladadas ao porto de Cariño.