Publicador de contidos

Publicador de contidos

Colle forza a hipótese do crime machista no caso dos cadáveres de Campo Lameiro

Colle forza a hipótese do crime machista no caso dos cadáveres de Campo Lameiro

Segundo as primeiras pescudas, podería ser unha parella residente en Moraña desaparecida hai varios días

De confirmarse a identidade, pendente das probas de ADN, o home tería antecedentes por malos tratos

Os veciños de Caneda confirman que ela estaba calcinada dentro do coche e el, fóra con queimaduras nas pernas

Lugar onde foi atopado o vehículo, nunha pista forestal do lugar de Caneda (Campo Lameiro)
G24.gal 01/06/2025 17:05 Última actualización 01/06/2025 18:28

Os forenses traballan aínda na identificación dos cadáveres atopados nun monte de Campo Lameiro. O estado de deterioración dos corpos, debido ás graves queimaduras, fai que se teña que recorrer ás probas de ADN.

O vehículo, marca Audi, cor negra, xa foi retirado do lugar onde ardeu e os axentes da unidade científica da Garda Civil remataron a recollida de pegadas. Agora investigan como puido producirse o lume que queimou os corpos.

As testemuñas recollidas na aldea de Caneda relatan que o home estaba fóra do vehículo e a muller dentro, totalmente calcinada.

"Encontráronos aí, na curva, subindo para o monte. El estaba fóra do coche, tumbado, coas pernas queimadas, e ela estaba dentro, case non se recoñecía porque só lle quedaban os ósos", comenta un veciño de Caneda.

Mentres segue o traballo de identificación dos cadáveres, unha liña de pescudas que vai gañando forza é a que relaciona os corpos cunha parella residente no concello de Moraña e que leva desaparecida varios días.

Así o contan os veciños de San Clemente, en Caldas de Rei, onde vive a familia da muller falecida.

"Eu intentei falar con eles varias veces, chameinos e daba o teléfono del apagado ou fóra de cobertura. E o dela soaba tres veces e logo cortábase. Non sei que puido pasar. Para min que son eles, polo coche, eu digo que son eles", asegura unha veciña do lugar de San Clemente. 

Un fillo da suposta vítima foi chamado ao cuartel da Garda Civil para dar unha mostra do seu ADN. De confirmarse a identidade da vítima, a investigación centraríase nun caso de violencia machista, xa que sobre o home pesan denuncias por malos tratos.

"El tratábaa mal, si. Era o que se vía, el tratábaa moi mal. Tiña mazaduras nas pernas. En Semana Santa estiven con ela e tiña a cara chea de golpes", relata a mesma veciña de San Clemente, onde vive a familia da que se cre é a muller que estaba calcinada dentro do coche.

Con todo, non hai por agora unha confirmación oficial nin da identidade das vítimas nin das circunstancias que rodean o seu tráxico final.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade