Rescatan un pescador que caeu no medio das rochas en Cabo Prioriño, Ferrol
O ferido, un veciño de Narón de 46 anos, quedou consciente e puido chamar por teléfono a un amigo
Está ingresado no hospital, con golpes por todo o corpo
Madrugou para saír pescar nunha zona que coñecía de sobra, pero a escuridade xogou na súa contra.
"Aínda era de noite. Acababa de chegar a pescar. Pensamos que era a zona de aproximación final. Era un pescador asiduo... é unha zona de pescadores de cana. Nun principio, todas esas zonas son moi coñecidas por eles pero o acceso é moi sinuoso e un despiste sempre o pode ter", explica Enrique Suárez, o xefe dos bombeiros de Ferrol
Caeu dunha altura duns dez ou quince metros, no medio das rochas, pero tivo sorte. O home, un veciño de Narón de 46 anos, non perdeu a consciencia e foi quen de tirar de móbil para avisar un amigo, que foi quen alertou os servizos de emerxencia.
"A zona é de moi difícil acceso, cunha parede vertical duns 60 metros, polo que se realizou un rescate usando cordas e unha padiola ríxida porque había que tratalo como un politraumatizado", engade Suárez.
O home, un veciño de Narón de 46 anos, recupérase no hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. Está en planta, con golpes por todo o corpo.
"Tiña moita dor e queixábase das costas. Tamén tiña golpes na cabeza e. aínda que dentro da gravidade, ves que fala e que responde, as feridas internas sempre son descoñecidas", conta o xefe de bombeiros.
A zona da Pedra do Sereno é moi frecuentada por pescadores deportivos, con experiencia, pero os accidentes tamén son frecuentes. Un dos últimos tivo un final bastante peor.
"Caeu outro pescador, pero ao mar. Nese caso, faleceu. O rescate máis difícil é dende o mar porque nesa zona hai moitas correntes e moitas ondas", aclara Enrique Suárez.
De momento non se coñecen as causas da caída, pero esta zona de cantís é especialmente perigosa, sobre todo en días de chuvia e vento.