O quilo de sardiña anda entre os 8 e os 12 euros nas vésperas do San Xoán
O luns só haberá sardiña fresca dos barcos que traballan coas artes do xeito, o racú e a piobardeira
A Consellería do Mar autorizou a pesca da sardiña desde as 12.00 horas do domingo ata as 12.00 do luns
A sardiña andaba na mañá deste sábado entre os 8 e os 12 euros no mercado da praza de Lugo da Coruña.
"A 12 euros, é unha sardiña boa, rica, tesiña", di unha vendedora.
"Algúns anos chegou a 20 euros o quilo, este ano está a 8 euros de prezo", di unha clienta.
"Estase vendendo moi ben, nós trouxemos bastantes quilos e xa se esgotou", asegura un vendedor.
O tamaño non é grande, pero din que a calidade é moi boa.
"Este tamaño, mediana, ten moita graxiña. A máis grande está un pouco máis seca"
A pesar de que a Consellería do Mar autorizou a pesca este domingo, a frota do cerco decidiu non saír. Por iso, a maioría dos postos desta praza non terá sardiña o luns. O que lle recomendan á súa clientela é conxelalas.
O luns non hai descargas e polo tanto non hai praza. Polo tanto teñen que levala hoxe e conxelala ou metela na neveira, como queiran".
"Se queren que a conxelen, que unha sardiña se é boa e se conxela poucos días vai estar igual", explica unha vendedora.
"Dixéronme que as conxelase, que as metese no conxelador, e que a saque ese día a media tarde", asegura un cliente.
Aínda así, hai quen prefire comelas frescas hoxe que conxeladas o luns
"Non, eu non as quero conxeladas, prefiro comelas hoxe frescas e non conxeladas", di unha compradora.
A frota do cerco non vai saír, pero si o farán as máis de 420 embarcacións que traballan coas artes do xeito, do racú e a piobardeira. Así que o luns haberá sardiña fresca para o San Xoán, pero menos que outros anos.