A actividade no porto de Vigo, pulmón da cidade
Superou os 5,5 millóns de toneladas de tráfico total en 2025
Os sectores vinculados son a metalurxia, o motor, a pesca, os metais e manufacturas e o turismo
O porto de Vigo é un dos lugares con máis trasfega da cidade, onde a actividade económica e laboral non para a ningunha hora. No último exercicio superou os 5.5 millóns de toneladas de tráfico total: automóbiles, pesca, metais, manufacturas ou granito deixaron 7 millóns e medio de beneficio.
O tráfico de colectores no porto de Vigo aumenta ano a ano. Nas súas instalacións movéronse máis de 309.000 contedores en 2025. Á par na terminal de Bouzas embarcaban 674.000 vehículos procedentes de Stellantis. E cada actividade económica destes sectores leva aparellada nestas instalacións unha moi importante man de obra.
"Dentro da barreira para dentro hai 14.000 empregos directos que traballan todos os días no porto. Se falamos de directos e indirectos son 40.000. Sobre todo é a vinculación cos diferentes sectores. A automoción está en Vigo porque os coches que se fabrican en Stellantis saen polo porto de Vigo, é un factor clave. Están tamén os estaleiros que están na súa máxima actividade e a pesca. Son moitísimos sectores e todos eles vinculados coa actividade do porto", explica Carlos Botana Lagarón, presidente do Porto de Vigo
Precisamente na pesca, o Berbés mantense á cabeza a nivel nacional con 29.264 toneladas de fresco, e en conxelado o volume de peixe movido foi de 640.763 toneladas en 2025.
"É clave. Somos o porto de alimentación de España, pero somos o primeiro porto europeo de pesca. Ás veces só pescamos na pesca fresca que é moi importante, pero temos fresca e conxelada. Se falamos de todo o movemento de pesca o 80% do peixe que se consome en España entra polo porto de Vigo, sendo capital para toda Europa", di Botana
Tamén entraron por este porto 306.000 turistas chegados por mar. O tráfico de cruceiros é cada vez máis habitual e chegan para coñecer a cidade e o resto de Galicia.