O polbo galego despídese das prazas
Do 1 de maio ao 1 de xuño queda totalmente prohibida a súa captura
Comeza o período de desova, polo que hai que protexer os polbos femias para garantir a sostibilidade da pesqueira
"Acaba de chamarme unha clienta que lle levo o pedido despois que quere 3 polbos, acabamos de acabar o polbo todo hoxe. Mira que rápido, e tan cediño, eh, non son nin as 12, ás 11 da mañá", conta Teri Ceán, unha das peixeiras da praza de Lugo na Coruña.
Estes días o polbo galego voa das bancadas das peixerías.
"Eu a semana pasada vendín 40 quilos por día, e hoxe a ver se vendo os 40 quilos que teño hoxe", apunta o peixeiro Oscar Parroni.
Son os últimos antes do paro biolóxico, que este ano quedou establecido entre o 1 de maio e o 1 de xullo. Nestes 2 meses o único xeito de mercar polbo fresco será doutras procedencias, e non é o mesmo.
"Iso nin color, iso nin color, non é o mesmo, vaia, nin non sei, non sei que polbo comer por aí", comenta un cliente.
Así que toca abastecerse.
"Si, si, moitos comprar 2, 3, 4 ou máis para ter para todo o verán", corrobora Óscar.
"En xullo imos ter polbo pero que pasa, que este polbo as primeiras semanas esta frouxiño porque acaba de desovar e non está tan saboroso como agora entón a xente xa conxelo para estes 3 meses que veñen aínda que só teñamos dous meses de paro biolóxico", explica Teri.
"Teño como 4 ou 5 no arcón, máis 4 que levo agora, para 2 meses eu creo que xa estou servido", confesa o cliente.