A covid repunta no verán: circula unha variante de síntomas pouco graves pero moi contaxiosa
O Servizo galego de Saúde contabiliza máis de 650 casos activos, con case cen persoas hospitalizadas
Carraspeira, afonía, dor de gorxa ou sensación de febre. Son síntomas que poden confundirse cunha simple catarreira de verán, pero é o que está provocando a variante do coronavirus que circula hoxe.
Dende xuño, están repuntando os casos de covid. Nótano nas farmacias, que este mes están multiplicando a venda de tests de antíxenos. E tamén se nota nos centros sanitarios. "Estamos vendo máis casos de covid", di Luis Ángel Prieto, xefe de servizo do centro de saúde Carballeira, en Ourense.
Explica que os síntomas clínicos que presenta son "carraspeira, afonía, tos seca, e algunha sensación distérmica, como de ter sensación febril". Hai caso que presentan tamén gastroenterite aguda, "que non hai que confundir coa diarrea estival", di o doutor Prieto.
Esta repunta da covid tradúcese en máis de 600 casos activos hoxe, con case cen hospitalizados e 5 persoas na UCI. A responsable, unha variante do virus chamada Frankenstein. "Parece que quere escapar do noso sistema inmune, da inmunidade natural de pasar a covid ou incluso da inmunidade das vacinas", explica Prieto. O lado positivo -di- é que "non dá síntomas moi fortes, pero é bastante contaxiosa".
Os sanitarios lembran a importancia de poñer a máscara para frear os contaxios, que este mes de xullo levan un ritmo medio de 40 casos novos de covid detectados ao día en Galicia.