Renfe restablece o servizo ferroviario en Galicia suspendido polo temporal
Renfe restablece desde a noite deste sábado o servizo ferroviario entre Vigo Urzaiz-A Coruña
Retomará mañá domingo todo o servizo nas conexións de alta velocidade e media distancia que permanecían suspendidas desde o xoves
Renfe restablece desde a noite deste sábado o servizo ferroviario entre Vigo Urzaiz-A Coruña e retomará mañá domingo todo o servizo nas conexións de alta velocidade e media distancia que permanecían suspendidas desde o xoves polo temporal.
A empresa ferroviaria explicou nun comunicado que, ademais da Alta Velocidade e a Media Distancia, o servizo entre Vigo Guixar e A Coruña recuperarase "ao longo do día", unha vez que o administrador de infraestruturas (Adif) retire algunhas árbores "que comprometen a seguridade".
"Aínda que Adif valoraba que era viable circular, Renfe contrasta a información do xestor da infraestrutura con outros organismos oficiais e diferentes modelos que indican que aínda había unha alta probabilidade de riscos repentinos que podían comprometer o estado da infraestrutura", sinalou.
Ademais, as previsións das confederacións hidrográficas indicaban unha evolución negativa ata o sábado e "mantíñase o nivel de prealerta do Inungal" -o plan especial ante o risco de inundacións de Galicia, que está activo en fase de preemerxencia desde o 20 de xaneiro-.
Renfe engadiu que a situación de colmatación dos terreos facíalle ser "prudente" para garantir a seguridade dos viaxeiros e traballadores.
A compañía ferroviaria explicou que nas provincias afectadas sucedéronse diversos fenómenos de desprendementos que provocaron cortes de vías de comunicación e accidentes e, "considerando a maior vulnerabilidade da infraestrutura", non operou o servizo ata que as diferentes fontes oficiais melloraron as súas previsións de riscos.
Esas mesmas condicións climatolóxicas adversas e o risco de inundación "imposibilitaron establecer un plan de transporte alternativo por estrada que garantise as condicións necesarias de seguridade e operatividade", asegurou.
Ante a falta dun plan alternativo por parte de Renfe, moitos usuarios quedaron sen poder viaxar no últimos tres días, a pesar de que a Xunta anunciou un reforzo das liñas de autobús.
A liña ferroviaria Santiago-O Carballiño-Ourense, que estivo suspendida o venres, xa operou durante este sábado.