Publicador de contidos

Publicador de contidos

Renfe acorda adquirir 30 trens de alta velocidade por 1.362 millóns de euros

Renfe acorda adquirir 30 trens de alta velocidade por 1.362 millóns de euros

O Consello de Administración de Renfe Operadora acordou a adquisición que supón a maior contratación da historia da compañía

Permitirán modernizar a súa flota, incrementar a oferta de prazas e afrontar o forte crecemento da demanda previsto para os próximos anos

G24.gal 25/03/2026 19:51 Última actualización 25/03/2026 20:03

O Consello de Administración de Renfe Operadora acordou a adquisición de 30 novos trens de alta velocidade, cun orzamento de 1.362 millóns de euros, a maior contratación da historia da compañía. O inicio deste proceso de licitación aprobado este mércores inclúe a posibilidade de estender o pedido ata os 40 trens, que poderían alcanzar os 1.777 millóns, segundo informou Transportes.

Óscar Puente avanzou no Congreso que os trens poderán operar a unha velocidade de 350 km/h unha vez que a infraestrutura ferroviaria estea preparada para permitir o incremento da velocidade comercial. A liña Madrid-Barcelona, na que as obras comezan este ano, será a primeira na que se poida circular a 350 km por hora, o que permitirá enlazar as dúas cidades en menos de dúas horas.

Polo momento ningunha das compañías que operan a alta velocidade teñen maquinaria para circular tan rápido; a maioría do material rodante actual alcanza velocidades máximas de 300 quilómetros por hora. A compañía priorizará o prazo de fabricación e a dispoñibilidade de novas unidades para cumprir os prazos de entrega previstos: 5 unidades antes de 40 meses e toda a flota antes de 78 meses.

Así mesmo, Renfe explicou que as condicións fixadas na licitación establecen un ritmo de subministración dun novo tren cada mes e medio. No prazo de execución do contrato, que Puente avanzou que será de seis anos, inclúense tamén as respectivas pezas de parque dos trens. Estes novos trens permitirán a Renfe modernizar a súa flota, incrementar a oferta de prazas e afrontar así o forte crecemento da demanda previsto para os próximos anos.

Os trens serán de gran capacidade -un mínimo de 450 prazas distribuídas en dúas clases- e deberán contar con espazos accesibles para persoas con mobilidade reducida e para bicicletas, alén de servizos de restauración como cafeterías. Estes novos convois incorporarán as prestacións propias da tecnoloxía ferroviaria de última xeración e estarán construídos para operar en ancho estándar UIC de 1.435 mm e irán equipados cos sistemas de sinalización e control máis avanzados, entre eles ERTMS/ETCS, así como ASFA.

Para a adxudicación avaliaranse aspectos técnicos, económicos e de mantemento, o que permitirá poñer en valor as ofertas máis equilibradas en termos de eficiencia, dispoñibilidade e número de prazas, así como fiabilidade na operación e cumprimento dos fitos de entrega, sinala Renfe nun comunicado. O ministro Puente e o presidente de Renfe, Álvaro Fernández Heredia, visitaron nos últimos meses as fábricas de Siemens en Alemaña, de Hitachi en Italia e da chinesa CRRC, ademais das plantas en España de Talgo, CAF e Alstom.

A licitación estaba prevista inicialmente para o mes de febreiro pero o accidente de Adamuz (Córdoba), que custou a vida a 46 persoas, obrigou á compañía a aprazar a decisión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade