Publicador de contidos

Publicador de contidos

Traballadores da recollida de lixo pídenlle ao Concello de Vigo que medie coa concesionaria

Traballadores da recollida de lixo pídenlle ao Concello de Vigo que medie coa concesionaria

Centenares de operarios realizaron unha concentración de protesta na praza do Rei, coincidindo coa segunda xornada de folga

O comité calcula que cada día de paro quedan sen recoller na cidade unhas 250 toneladas de lixo

G24.gal 25/05/2026 13:05

Centenares de traballadores de FCC, a concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viario do Concello de Vigo, protestaron este luns na praza do Rei para pedir ao Goberno local mediación para que a empresa se sente a negociar con eles o novo convenio.

Sobre as 11:00 horas desta mañá, os empregados comezaron a aglutinarse nas portas do Concello olívico, enchendo a praza de lixo e gritando "Si, si, si, os do lixo están aquí", ou "Alcalde, escoita, ou lixo está en loita".

Con petardos e bengalas, os traballadores concentráronse na que é a segunda xornada de folga indefinida, que comezou este domingo, para esixir un convenio "digno".

A xubilación parcial, un dos principais puntos de fricción

O presidente do comité de empresa e do comité de folga, Suso Diz (CIG), explicou ante os medios de comunicación que levan varios meses negociando este documento, pero as posturas están "encalladas".

Criticou a "chantaxe" da empresa, que antes de levantarse do último encontro díxolles que deberían renunciar á xubilación parcial para seguir negociando. "Por aí non imos pasar", reivindicou Diz, subliñando que o servizo de recollida de lixo dispón de xubilación parcial a partir dos 63 anos desde hai máis de 20 anos e trátase dun "dereito adquirido" que non pensan nin suprimir nin atrasar, subliñando que son traballadores que viven "á intemperie".

Outro punto de conflito é a oferta salarial. A concesionaria ofrece un 5 % de subida a catro anos, cun 0 % este 2026, un 1,5 % en 2027 e 2028 e un 2 % en 2029 e sen revisión salarial ao IPC. Os sindicatos convocantes (CIG, USO e CC.OO.) reclaman un incremento dos soldos ligado ao IPC.

Ao non haber ningún achegamento por parte da empresa para seguir negociando, pediron ao goberno local que solicite á empresa que se sente á mesa cos empregados para tratar de acabar co conflito.

Suso Diz lembrou que son preto de 600 persoas as que traballan no servizo de recollida de lixo de Vigo, incluíndo persoal administrativo.

Na actualidade, os servizos mínimos garanten a recollida en hospitais, escolas, prazas e mercados e zonas especialmente sensibles, apuntou, mentres que o seguimento da folga é do 100 %.

Así, calculan que quedan nas rúas unhas 250 toneladas de lixo cada día, que xa se empezan a notar nos contedores desbordados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade