O primeiro Alvia entre Lugo e Madrid adiántase ás 5 da mañá desde o 20 de maio
Ademais reorganizaranse outros servizos do corredor, así o AVE Vigo-Madrid sairá ás 5:50 con parada en Santiago e o AVE A Coruña-Madrid partirá ás 7:10
Adiántanse tamén as conexións de Madrid con A Coruña e Vigo
Adif suprimirá catro pasos a nivel en Sarria con obras de 3,5 millóns de euros
Renfe anunciou este luns que a partir do 20 de maio modifícase o horario do Alvia 4114 que comunica Lugo con Madrid, de modo que se adianta a saída do tren ás 5:18 horas, o que á súa vez supón “unha mellora na oferta matinal na conexión Galicia-Castela e León-Madrid”.
A operadora precisa que con este cambio de horario os lucenses poderán viaxar á capital e regresar no mesmo día, ademáis de ofrecer unha nova opción de mobilidade madrugadora para os viaxeiros de estacións intermedias como A Gudiña ou Seabra AV.
Manteranse as paradas habituais
O servizo de Lugo manterá as paradas habituais do seu percorrido en Galicia: Sarria ás 5.41 horas, Monforte de Lemos ás 6:10, Ourense ás 6:58 horas e A Gudiña ás 7:44.
En Castela e León, o tren deterase en Seabra AV ás 8:04 horas, en Zamora ás 8:39 horas e Medina del Campo ás 9:13. A chegada a Madrid está prevista para antes das 10:30 da mañá.
Da mesma forma, a partir do 20 de maio e co obxectivo de optimizar a oferta e a operativa do servizo do corredor, tamén se reorganizarán outros servizos, explica Renfe na nota.
O AVE Vigo-Madrid sae 10 minutos antes e A Coruña-Madrid 5 minutos
O AVE 4464 Vigo-Madrid de primeira hora da mañá adianta 10 minutos a súa saída, será ás 5:50 horas. Ademais, incluirá no seu itinerario a parada en Santiago de Compostela. O servizo AVE 4364 A Coruña-Madrid das 7:15 horas, tamén adianta a súa saída cinco minutos.
O primeiro servizo do día que partirá de Madrid pasa a ser o Avlo Madrid-A Coruña. Ese tren sairá da capital ás 6:30 horas, actualmente faino ás 8:25 horas, con paradas de primeira hora en Zamora (7:48 horas) ou Seabra AV/AV (08:17 horas), así como na localidade galega da Gudiña (8:36 horas).
O horario que libera este Avlo pasa a ser utilizado pola AVE 4475 Madrid-Vigo que actualmente sae da capital ás 7:14 horas, cun novo horario de saída ás 8:26 horas, manterá as mesmas paradas e chegará a destino ás 12:34 horas.
A reorganización complétase coa modificación do horario do AVE 4565 Madrid-Vigo de primeira hora da tarde. Este servizo, que actualmente parte de Chamartín ás 16:05 horas, adianta a súa saída desde o día 20 ás 15:32.
Supón, ademais, unha nova opción de viaxe para os viaxeiros con destino Santiago xa que inclúe unha nova parada na capital galega no seu itinerario. A hora de chegada a Vigo será ás 19:44 horas.