Publicador de contidos

Publicador de contidos

Renfe asegura que o día de folga tivo un "impacto reducido" e só se suspenderon tres trens en Galicia

Renfe asegura que o día de folga tivo un "impacto reducido" e só se suspenderon tres trens en Galicia

O Sindicato Ferroviario di que os servizos afectados polo paro foron nove en total

En Galicia secundan o paro o 3 % dos traballadores e están operando o 100 % dos servizos, segundo a compañía; no resto do estado o seguimento é do 1,59 %

A previsión é que se cancelen  320 convois de alta velocidade, media distancia e proximidade, 20 deles na nosa comunidade

Consulta aquí os trens que van circular en Galicia nesta xornada de folga

Arquivo/Carlos Luján/Europa Press
G24.gal 29/06/2026 09:54

Poucas incidencias na primeira xornada de folga convocada nas diferentes empresas de Renfe polo Sindicato Ferroviario. A entidade, minoritaria no sector, organiza dúas xornadas de paro de 24 horas, a primeira este luns 29 de xuño, coincidindo co inicio da 'Operación Saída' do verán. 

Renfe asegura que a protesta tivo un "impacto reducido" e estima que o seguimento foi do 0 % na quenda de noite e do 1,59 % na da mañá. En concreto, en Galicia, a empresa di que se suspenderon só tres trens rexionais ou de media distancia. O Sindicato Ferroviario eleva a cifra a nove: cinco con saída ou chega a Ourense; tres en Ferrol e un dos que operan entre Vigo e Santiago de Compostela.

"Eu viña dende Madrid e dixéranme que se podía ver afectado o meu tren, pero ao final non. Pero o importante non son eu, senón escoitar os traballadores de Renfe", asegura unha viaxeira nada máis pisar a plataforma da estación de Vigo-Guixar.

"Eu espero que vaia todo ben e hai que respectar que se hai folga é por algo", engade outra muller que vai coller un tren dende a mesma terminal.

Na estación vemos as mesmas consultas, as mesmas agardas e as mesmas apertas de sempre. Só un aviso nas pantallas advirte de posibles incidencias nos trens que non están incluídos nos servizos míminos.

O Sindicato Ferroviario convocou a folga en solitario en protesta polas últimas decisións de Renfe sobre a súa sección de mercancías, onde vai formar unha sociedade mixta cunha empresa privada. O sindicato advirte de que o ferrocarril público en España vai camiño do "desmantelamento".

"A verdade é que non tivemos ningún inconveniente. Si nos avisaron de que hoxe podería haber unha folga pero a viaxe foi perfecta", conta outra pasaxeira ao chegar a Vigo.

"Non notamos nada. Ás oito viñemos para Vigo e agora en principio imos saír ás doce e media", di outro home que agarda polo tren nun banco da estación.

A folga está convocada a nivel estatal. Son dúas xornadas de 24 horas. A segunda será o 15 de xullo.

Renfe asegura que os servizos comerciais desenvólvense "con normalidade".

"Nestes momentos, a prestación dos servizos comerciais desenvólvese con normalidade, sen supresións", apuntou nunha mensaxe publicada na rede social X arredor das 8:30 da mañá, no que engadía que no ámbito dos servizos públicos o seguimento da folga está a ser "moi reducido, con afectacións puntuais".

As previsións de cancelacións para esta xornada de folga

En total, está previsto que se cancelen un total de 320 trens entre os servizos de alta velocidade, media distancia e proximidades con motivo da folga.

Segundo os servizos mínimos publicados polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, Renfe deixará activos 262 convois de alta velocidade e longa distancia, permitindo o 73 % da mobilidade habitual.

Mentres, manteranse programados 420 trens de media distancia, operando tan só o 65 % das viaxes programadas.

No lado das proximidades, a súa operativa reducirase á metade e tan só se ofrecerá o 75 % do servizo regular en horas punta (de 6:00 a 9:00 horas, de 13:30 a 16:00 horas e de 18:30 a 20:30 horas).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade