Remonta espectacular de Jessica Bouzas para chegar aos oitavos de Montreal
Gañoulle á xaponesa Ito en máis de dúas horas por 4-6, 7-5, 6-3
A tenista vilagarciá Jessica Bouzas clasificouse para os oitavos de final do Másters 1.000 de Montreal, onde se enfrontará á chinesa Lin Zhu. Bouzas, número 51 da WTA, impúxose despois dun partido moi duro á xaponesa Aoi Ito en 2 horas e 14 minutos.
Custoulle moito adaptarse ao xogo de Ito e a nipoa gañou o primeiro set por 4-6. No segundo sacou de garra a galega e conseguiu rachar o servizo da súa opoñente no momento decisivo e evitou o tie break (7-5). No terceiro e definitivo set tomou a iniciativa e logrou consolidar unha vantaxe que non soltaría ata o final para impoñerse por 6-3.
Breaking ground 🌟
— wta (@WTA) August 1, 2025
Jessica Bouzas Maneiro is into her first ever R16 in a WTA 1000!#OBN25 pic.twitter.com/1T787PUiA6
É a primeira vez que Bouzas pisa os oitavos de final dun Másters 1.000 e ten diante dela unha grande oportunidade porque xoga diante da 493 do ránking WTA despois de que Zhu tivese unha lesión que a afastou das pistas durante moito tempo.