Rematou a xira americana do Celta
O Celta deu por rematada a súa concentración de pretemporada no continente americano, un stage que durou case dúas semanas.
Rematou a xira americana do Celta, case dúas semanas entre México e os Estados Unidos para preparar a inminente temporada.
Os vigueses combinaron os adestramentos cos amigables, dous partidos ante o Pumas e o San José, que non serviron para tirar demasiadas conclusións positivas. O gol semella que segue a ser unha exclusiva de Iago Aspas, polo menos mentres non se pechen os reforzos na punta do ataque.
A defensa é a única liña que está completa, aínda que Aidoo e Unai Núñez non participaron na xira americana e quedaron traballando en Afouteza. Pero falta o porteiro. Rubén marchou cedido a Marsella e búscase gardameta titular.
Luis Campos ten moito traballo por diante, en tres semanas arrinca a liga e faltan homes por chegar e tamén por marchar. En Afouteza seguen traballando Santi Mina e Denis Suárez, dous xogadores cos que non se conta pero que supoñen unha carga importante no límite salarial. Achégase a estrea ligueira e o Celta aínda está a coller forma.